Ponteareas amplía a máis rúas e parroquias a recollida selectiva de aceites de cociña usados

A concellaría de Medio Ambiente instala novos colectores na vila e en cinco parroquias

A concellaría de Medio Ambiente que dirixe a nacionalista Rosa Covelo ampliou a recollida selectiva de aceites de cociña usados coa instalación de novos colectores no centro urbano e en cinco parroquias que se suman á de Xinzo, a única que dispuña deste servizo.

 

No centro urbano pásase de 8 a 10 colectores ademais de recolocar algúns dos existentes para asegurar unha distribución máis axeitada. Aos xa existentes na Avenida de Castelao (2), Rosalía de Castro, Daniel Ojea, Carballos e Trobador Xoán García de Guillade, engádense as seguintes novas ubicacións: Braña, Vidales Tomé, Castiñeira e Paseo Matutino.

 

En canto ao rural, á parroquia de Xinzo, que xa contaba cun colector de recollida de aceite de cociña usados, únense agora as de Areas, Guillade, Padróns, Moreira e Santiago de Oliveira.

 

Rosa Covelo sinalou que “a nosa intención é ir paulatinamente ampliando o servizo, especialmente nas parroquias que aínda non dispoñen de colectores propios” e animou á veciñanza a facer uso dos existentes: “é importante para o medioambiente e a nosa calidade de vida reciclar os aceites de cociña usados evitando as súas verteduras por desaugadoiros, noutro tipo de colectores ou no entorno natural”. Para facer uso desta recollida selectiva débese introducir o aceite de cociña usado nunha botella hermeticamente pechada e depositala nos colectores específicos destinados á recollida de aceites. Segundo os datos do Concello, o pasado ano recolléronse nos colectores un total de cinco toneladas de aceite de cociña usado.

 

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, lembrou que “esta iniciativa enmárcase no noso obxectivo de avanzar na redución, a reutilización e a reciclaxe de residuos. No marco destas políticas encádrase a implementación da compostaxe individual no rural iniciada a finais do pasado ano e agora esta mellora na recollida selectiva de aceites de cociña usados”.