Ponteareas amosa o seu apoio ao colectivo de persoas con trastorno do espectro do autismo

Co motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o autismo, que se conmemora cada 2 de abril, a casa do Concello de Ponteareas está alumeada en ton azul e conta cun lazo desta cor, apoiando e dando visibilidade a esta campaña iniciativa de Autismo Galicia.

O obxectivo, segundo indica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, é “aumentar a conciencia social sobre o Trastorno do Espectro do Autismo(TEA) para que a cidadanía saiba que, con pequenos xestos, todas e todos podemos contribuír á inclusión das persoas con este trastorno”.

O Concello de Ponteareas brinda así o seu apoio á asociación Familias Azuis, que traballa para a mellora da vida dos nenos e nenas con autismo. A asociación, que pertence á Federación Autismo Galicia, convida á súa vez a toda a veciñanza a romper barreiras e facer unha sociedade accesible.

A concelleira nacionalista insiste na necesidade de que a sociedade entenda cales son as barreiras coas que se atopan os e as nenas con TEA, “porque iso permitirá unha mellor adaptación ás súas necesidades e reforzará a inclusión destas persoas en todos os ámbitos da sociedade.”

Verónica Carrera indicou que a iniciativa pretende tamén concienciar ás dirixentes políticas sobre a necesidade de promover políticas centradas no respecto aos dereitos das persoas con autismo. “No goberno de Ponteareas témolo claro, e por iso traballamos por e para a inclusión de toda a cidadanía, facendo da nosa vila un espazo para todos e para todas, máis amable e libre de barreiras que dificulten a socialización”, concluíu.