Ponteareas acollerá a terceira edición do Festival Groba, que terá lugar do 8 ao 14 de agosto e como novidade celebrarase un concurso internacional de violín

aaEsta mañá tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ponteareas a presentación do III Festival Groba, que se desenvolverá entre os días 8 e 14 de agosto de 2015. Ao acto asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez, en representación da Consellería de Cultura, colaboradora do evento; o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas Giráldez, en representación do Concello de Ponteareas, que colabora tamén no certame, e a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista Fernández; o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba Otero, en calidade de organizador, e o homenaxeado no festival, o compositor Rogelio Groba Groba.

A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista quixo salientar que para Ponteareas é un auténtico privilexio poder acoller un ano máis o Festival Groba, un evento que medra cada ano, se cabe, aínda máis en calidade e participación e no que se mestura a vertente pedagóxica coa vertente interpretativa, participando recoñecidos músicos nacionais, internacionais e galegos, contando ademais coa presenza de ponteareáns, como o Obradoiro Vocal “A Vila”, o coro xuvenil “Cantemos” ou o percusionista Xoel González.

Remarcou a edil de Cultura tamén a relevancia especial desta terceira edición por acoller o I Concurso Internacional de Violín e por coincidir co 85 aniversario do compositor vivo máis importante da historia da música galega, don Rogelio Groba Groba.

Pola súa banda o rexedor ponteareán, Xosé Represas, en nome do Concello de Ponteareas, quixo agradecer o apoio da Consellería de Cultura, sen cuxa colaboración non sería posible levar a cabo este festival, así como á Orquestra de Cámara Galega e tamén a implicación da Fundación Groba, e amosou o compromiso do Goberno Local de continuar e darlle máis impulso ao Festival Groba que axuda a pór a Ponteareas no mapa e que conta, de xeito único, coa presenza do autor no festival. Estamos asistindo a unha realidade consolidada e que axuda a confirmar o arraigo da música clásica en Ponteareas, ccconverténdose o Festival Groba nun evento único, de relevancia internacional. Convidou a todos a asistir á que denominou “Gran Semana da Música” en Ponteareas, grazas ao Festival Groba que significa xa un sinal de identidade propio da Vila do Tea.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, manifestou a satisfacción de poder apoiar este gran Festival Groba, que naceu no ano 2013 e que continúa coa actual Corporación Municipal que segue apoiando un festival único en Galicia e que leva o apelido de Rogelio Groba Groba, o gran compositor vivo.

A Xunta de Galicia apoiou desde o seu inicio esta iniciativa que non ten parangón en toda Galicia e seguirá valorando e apoiando o Festival Groba, importante para a música en Galicia, para o Concello de Ponteareas e para a comarca, lugares enormemente destacados dentro do mundo da música.

Rogelio Groba Otero lembrou que xa dende o primeiro festival había unha intencionalidade de crear un concurso para violinistas e destacou a resposta obtida en canto a participantes. Do total de 18 seleccionados figuran músicos de España, Italia, Xapón, Portugal, Reino Unido, Polonia e Rusia. Tamén destacou que na clausura se vai proceder á estrea mundial de “O xílgaro e o picapau”, un concerto que nace, subliñou, das anteriores edicións do festival e da amizade xurdida nelas entre o compositor e o frautista André Cebrián. El e mailo percusionista gulansés Xoel González, aos que está adicado o concerto, actuarán como solistas nesta peza.

Pola súa banda, o compositor Rogelio Groba Groba aproveitou a ocasión para reclamar unha maior atención á música galega. “Tendo Galicia, como ten, un patrimonio digno para ir polo mundo adiante, as orquestras que pagamos entre todos obrígannos a escoitar obras que nos son alleas” afirmou, “e un país que non se escoita a si mesmo é un país suicida”.

O Festival Groba acada este ano a súa terceira edición logo do éxito obtido en anos anteriores. O seu formato, mesturando a interpretación e maila formación de novos músicos como as súas principais sinais de identidade, ao igual que se vén facendo en moitos outros festivais por toda Europa, converteuno en único no noso contorno.

rrEste ano amplíase o formato cun concurso internacional de violín: 18 instrumentistas competirán fronte ao público ponteareán, e fronte a un xurado integrado por nomes do prestixio de Clara Jumi, Xesús Reina, Elena Urioste, Pablo Vidal ou Rogelio Groba Otero. Contarán, amais, coa colaboración da pianista Kasia Wieczorek, unha das máis solicitadas do panorama actual como pianista acompañante, para a fase de selección. Na final deberán actuar conxuntamente coa Orquestra de Cámara Galega que, un ano máis, exerce de “orquestra residente” do festival.

Como curiosidade, teremos a oportunidade de asistir a un concerto previo ao certame, no que algúns membros do xurado amosarán o seu bo traballo, algo pouco habitual neste tipo de concursos.