Ponteareas acolle o sábado 10 de setembro a X Feira Tradicional dos Remedios nas rúas do centro da vila

A veciñanza e visitantes poderán adquirir  produtos artesanais e da terra nos máis de 50 postos instalados

O evento amplíase desde as rúas Esperanza e Oriente, nas que xa se desenvolvera o evento en anos anteriores, ata a praza Bugallal e rúa Constitución

“Chegamos xa a décima edición da Feira Tradicional dos Remedios, un referente nestas datas no sur de Pontevedra no que se refire a recuperación e difusión da artesanía tradicional galega”, indicou a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista.

FQ55A9703

“Consideramos que había que actualizar a feira, sen perder de referencia a súa razón de ser. A feira dos Remedios, a principios do século XX, na que nos inspiramos para realizala, era un referente para todas as parroquias de Ponteareas e mesmo municipios limítrofes, era un punto de referencia para todo o rural, e queremos recuperar iso. Por iso, é relevante que este ano haxa tamén postos de produtos agrarios ecolóxicos, pois así amosamos novos xeitos de vivir e traballar o rural.”, explicou Ilda Amoedo, representante do Centro de Recuperación da Cultura Popular do Castelo de Sobroso, encargada de impulsar esta iniciativa fai dez anos e organizadora da mesma. “Tamén temos convidadas ás fiadoras de lá de Castro Laboreiro de Portugal, un dos poucos lugares onde aínda se conserva a tradición de inicios do século XX”, engadiu.

“É grazas a persoas como Ilda, que pularon no seu momento pola recuperación da memoria e tradición, que esta feira se repite con éxito ano tras ano”, sinalou o alcalde Xosé Represas.

FQ55A9691

Entre os 50 postos instalados na feira poderanse observar demostracións de máis de 20 traballos artesanais tradicionais, adquirir produtos artesanais noutros 20 e mercar produtos agrarios ecolóxicos e gando en 10. “Haberá postos de artesanía de prata, ouro, coiro, xogos de madeira, xabróns, entre outros, e o posto de gando terá bois, vacas, ovellas, porcos celtas e galiñas”, explicou Ilda Amoedo.

A partir das 10.30 horas as rúas da vila encheranse de vida e historia, con exposición de fotos antigas, música tradicional e  teatro e animación de rúa con Cé Orquestra Pantasma. Ás 16.30, a Praza Maior acollerá o obradoiro de xogos tradicionais Xogando Miudinho. A partir das 18;00, o grupo tradicional Cantares de Brión fará un percorrido polas rúas da vila e a partir das 20:30 fará un concerto no auditorio municipal. Para rematar o día, ás 22.00 haberá unha verbena amenizada pola orquestra Abanico na Praza Maior.