Ponteareas acolle o primeiro curso para novas solistas de violín con orquestra de corda dentro do programa do Festival Groba

Para as leccións, impartidas polo profesor italiano Emmanuele Baldini do 5 ao 12 de agosto, foron seleccionadas oito rapazas procedentes de diferentes partes do globo: Estados Unidos, Suíza, Galicia, Italia, Venezuela ou Xapón

As violinistas tocarán interpretarán As catro estacións de Vivaldi.

“O obxectivo destas aulas intensivas é tomar a peza de Vivaldi que van presentar nos concertos como punto de partida para afondar e mellorar a técnica. Xa logo, elas tamén traerán outras composicións preparadas para intercambiar coñecementos e practicar”, explica o profesor Baldini. A asistencia para alumnos ouvintes é de balde.

As alumnas do curso, xunto ao director Rogelio Groba Otero, o profesor Emmanuele Baldini, e o compositor Rogelo Groba Groba.

As alumnas do curso, xunto ao director Rogelio Groba Otero, o profesor Emmanuele Baldini, e o compositor Rogelo Groba Groba.

Paula Novoa, unha das violinistas, salienta a importancia de levar sempre a cabo unha aprendizaxe continuada. “É moi importante para os músicos. Dende o meu punto de vista, é preciso ter un desexo e curiosidade por aprender e mellorar. Hai que aproveitar a época estival, na que podemos practicar máis, sen o bulebule do curso académico, profundar na nosa técnica, e sempre cos mellores como Emmanuele Baldini”, opina a alumna de orixe latinoamericana, afincada en Suíza.

A estadounidense Victoria Lewis participa nesta actividade porque lle permite viaxar co seu mellor compañeiro: o violín. “Gusto de viaxar moito, e sempre que teño oportunidade, procuro que estea relacionado coa música, porque así uno as miñas afeccións favoritas. Isto permíteme coñecer xente nova, en concreto, músicos e músicas cos que podo intercambiar ideas, mellorar a técnica, amais de practicar moito, e claro, tocar nos concertos, o que adoro”, comenta.

A única representante galega, de Vilagarcía de Arousa, Elena Rodríguez, entende que sempre é interesante este tipo de cursos. “É a miña primeira experiencia nun curso como este, cun concerto no Festival Groba. É unha oportunidade para aprender e mostrar o noso esforzo e traballo.”, explica.