Ponteareas acolle este verán un campus de tecnificación de fútbol para rapazas e rapaces de 5 a 18 anos

Ponteareas acolle este verán un campus de tecnificación de fútbol para rapazas e rapaces de 5 a 18 anos

 

Aberto xa o prazo de inscrición para participar en calquera das dúas quendas dispoñibles

 

Ponteareas acolle este mes de xullo un campus de tecnificación de fútbol dirixido a rapazas e rapaces de 5 a 18 anos organizado entre o CDC Areas, a academia de alto rendemento TecnificaT e o Concello. Será unha escola de porteiros e xogadores en dúas quendas, do 12 ao 16 de ou do 19 ao 23 de xullo divididos en grupos de traballos segundo tramo de idade. Con este campus o Concello busca contribuír a ofertar unha alternativa de lecer lúdica, deportiva e saudábel.  

 

Será un campus moi individualizado no que as e os deportistas poderán traballar de forma intensiva a mellora das habilidades técnicas individuais como o dominio do balón, cambios de dirección e fintas, mellora da velocidade, aumento da confianza no xogo e creatividade ou a incorporación de mellores hábitos para un xogador ou xogadora saudábel. No campus empregarase a metodoloxía Coerver Coaching, centrada en adestramentos adaptados ao nivel de cada un, preparación física, valoración da evolución con asesoramento, probas de fútbol e moitas máis oportunidades de poder acceder a un equipo profesional.

 

Este campus está dirixido a calquera nena ou neno que queira practicar fútbol. Dende os máis pequenos e pequenas, onde o obxectivo principal é a iniciación a este deporte a través de adestramentos específicos, ata as e os maiores, centrada en perfeccionalos e darlles un empurrón a súa carreira futbolística.

 

O campus desenvolverase no campo de fútbol da Lomba en horario de 10.00 a 14.00 horas. Haberá tamén servizo de madrugadores de 09.00 a 10.00 horas.

 

Como sinala o edil de Deportes, Miguel Bouzó, con actividades coma esta o Concello amosa “o seu compromiso e aposta polo deporte base, pero tamén por ofertar a nenos, nenas e mocidade unha programación de verán lúdica e educativa e por dar resposta ás familias que precisan conciliación durante a época estival”.

 

As persoas interesadas en participar neste campus de fútbol poderán inscribirse premendo neste enlace.