Ponteareas acolle este venres o “II Encontro de escritores en lingua galega de temática ponteareá” e a presentación da revista “Pregón”

Encontro de escritores 2014O Salón de sesións acollerá este venres, día 29 de maio, ás 20:30 horas o II Encontro de escritores en lingua galega de temática ponteareá, baixo o lema “A importancia de difundir o local”. Será unha xuntanza na que se tratará a importancia que ten para a cultura local a súa divulgación escrita.

Participarán os escritores Clodio González Pérez, Anxo Serafín Porto Ucha, Xoán Martínez Tamuxe, Estanislao Fernández de la Cigoña, Antonio José Groba Diéguez e Sofía Rodríguez Suárez, moderando o acto Andrés Sampedro Fernández, concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas.

O encontro tamén servirá para brindar unha homenaxe, a título póstumo, a Maruja Pino Piñeiro, contando coa presenza no acto da súa filla Margot. Un recoñecemento que pretende pór en valor o seu labor como escritora e divulgadora da nosa cultura, costumes e tradicións.

A partir das 21:30 horas, o mesmo salón acollerá a presentación da revista Pregón, publicación do Concello de Ponteareas, que recolle ano tras ano artigos referentes ao Corpus, convertíndose nunha referencia escrita e visual de todas as alfombras confeccionadas o ano anterior e que ten unha ampla difusión non só en Galicia e España, senón tamén alén das nosas fronteiras, como en Uruguai, Arxentina, Cuba, Venezuela, México, etc, onde os nosos ponteareáns que están fóra a gardan ano tras ano como un prezado tesouro.

Segundo o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, é moi importante que se escriba e se investigue sobre a cultura local pero, asemade, é fundamental a súa difusión, editando o Concello de Ponteareas a revista Pregón, ou Revista da Festa do Corpus Christi de Ponteareas, publicación importantísima para o espallamento da nosa festa do Corpus e, asemade, é unha excelente canle de difusión onde estudosos de renome poden plasmar as súas investigacións sobre o Corpus, Ponteareas e a súa comarca, contribuíndo, pois, á difusión de todo tipo de estudos de temática local.