Ponteareas acolle este domingo a primeira edición da Ciclocross Borja Gómez Méndez

O Concello agradece a labor do Club Ciclista Ponteareas para organizar esta proba que forma parte da Copa Galicia

 

Ponteareas acollerá o vindeiro domingo en As Cachadas a primeira edición da Ciclocross Borja Gómez Méndez, unha proba que forma parte da Copa Galicia da especialidade e que está organizada polo Club Ciclista Ponteareas en colaboración co Concello. O edil de Deportes, Miguel Bouzó, que participou na presentación xunto directivos do club e da Federación Galega de Cislismo, quere “dar os parabéns ao Club polo seu gran traballo para traer a nosa vila unha proba que homenaxea a Borja Gómez, un orgullo do noso deporte”.

 

Na proba participarán ata un máximo de 400 deportistas de varias categorías, “unha gran nova para o noso deporte e tamén para a economía local da nosa vila”, destaca o concelleiro. As persoas participantes percorrerán un circuíto de 2.700 metros que incluirá un posto de boxes con entrada dobre e mangueira para o lavado de bicis, un banco de area, unha zona de escaleiras e unha zona de troncos. 

 

As persoas interesadas en participar deberán estar federadas e realizar unha inscrición online na plataforma online da Federación Galega de Ciclismo. A competición comezará ás 09.30 horas en As Cachadas e constará de catro mangas nas que se repartirán, entre as categorías de elite, 490 euros en premios.