Ponteareas acolle esta fin de semana unha nova sesión de teatro coa representación de ‘O mozo da última fila’

Será este sábado 19 ás 20.30 horas na sala de usos múltiples do auditorio municipal

 

Ponteareas acolle esta fin de semana unha nova sesión de teatro coa representación de ‘O mozo da última fila’Ponteareas acolle esta fin de semana unha nova sesión de teatro. A Concellaría de Cultura trae este sábado 19 de xuño (20.30 horas) á sala de usos múltiples do auditorio municipal a obra O mozo da última fila, de Redrum Teatro, unha representación organizada ao abeiro do convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

 

O mozo da última fila é unha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística. Dirixida e adaptada por Alex Sampayo e cun reparto de luxo entre o que se atopa o ponteareán Rubén Porto, a obra foi gañadora dos Premio Max ao mellor autor no 2008. “Poderemos gozar da primeira tradución ao galego dunha das pezas máis coñecidas de Juan Mayorga, un dos dramaturgos contemporáneos máis importantes. Esta produción non só introduce a Mayorga no canon do teatro en lingua galega, senón que ofrece unha nova mirada sobre un clásico contemporáneo”, salienta Fernando Groba, concelleiro de Cultura.

 

O prezo das localidades é de 4 euros e as persoas interesadas poden facer as súas reservas ata o venres 18 (12.00 h) no enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal. As reservas deberán retirarse no auditorio municipal antes das 19.30 horas do propio sábado 19. Unha vez pasado este prazo poranse á venda. O horario de despacho de billetes será o sábado 19 de 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 20.30 horas.

 

A representación contará con aforo reducido e con todas as medidas e protocolos de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.