A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, adianta que o auditorio de Ponteareas acollerá o vindeiro martes día 9 as II xornadas técnicas de dinamización do territorio “Recursos Locais e estratexias para o desenvolvemento” organizadas polo GDR Condado Paradanta.
No auditorio de Ponteareas poránse enriba da mesa os problemas e as oportunidades dos concellos das nosas comarcas e buscaránse as causas que os provocan e os recursos que poden axudar a combatilos.
Na procura das solucións expertos galegos, asturianos e portugueses, falarannos de estratexias, experiencias, da problemática e de casos de éxito e iniciativas nas que o turismo, xunto con outros recursos, esta a ser e debera ser un factor determinante para o desenvolvemento.
Co obxectivo de seguir traballando en concienciar e en sensibilizar tanto á cidadanía como á Administración o GDR pretende con estas xornadas, crear un foro de opinión e reflexión onde se formulen dúbidas, onde se expoñan casos de boas prácticas, onde se fale das oportunidades que podemos atopar para emprender novos proxectos, de dinamizar as nosas comarcas e tratar de dar a volta á situación na que é preciso que o territorio, os recursos e as persoas estean no centro das dinámicas públicas e privadas.
Eva Gil xa participou na anterior xornada de traballo organizada polo GDR no concello veciño de Salvaterra de Miño e destaca que esta iniciativa supón unha oportunidade para coñecer non só casos reais de proxectos exitosos se non tamén o escenario real cos seus problemas e as súas fortalezas.
O alcalde de Ponteareas e presidente do xeodestino Condado Paradanta, Xosé Represas, será o encargado da apertura das xornadas nas que tamén participarán os alcaldes das comarcas.