Ponteareas acolle a proxección de ‘Acorda’, un documental de memoria histórica no que participan artistas como Tanxugueiras ou Uxía

 

A peza, producida pola Deputación de Pontevedra, poderá verse este 4 de maio ás 20.30 h na sala multiúsos do auditorio municipal

 

Ponteareas acolle a proxección de ‘Acorda’, un documental de memoria histórica no que participan artistas como Tanxugueiras ou UxíaPonteareas acolle este mércores 4 de maio a proxección do documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’, unha peza audiovisual producida pola Deputación ao abeiro do proxecto ‘O pasado por vir’ para poñer en valor lugares e feitos da memoria na provincia a través da música. A deputada Montse Fajardo participará nesta proxección da que o público poderá gozar ás 20.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada libre ata completar aforo.

 

Con este documental, o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra propón unha apaixonante viaxe á memoria da man do poeta e narrador Lois Pérez e a cantante Uxía, que reúne algunha das voces máis representativas de Galicia para ilustrar historias de loita e dignidade, como Tanxugueiras, Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez e Eduardo R. Cunha, entre outros, xunto a testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Frances, que viviron de preto a represión franquista.

 

Como salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, o documental busca “achegar a temática da memoria histórica ao público xeral a través dun formato pouco habitual como o audiovisual, percorrendo diferentes espazos singulares e de importancia para a memoria histórica na nosa provincia”. O edil anima a toda a veciñanza a volver “a algúns dos lugares onde vivían o silencio, o medo, a perda e que a través desta peza énchense de música, cancións e palabras”.