Ponteareas acolle a campaña “Únete ao reto” que procura o fomento da reciclaxe en 15 concellos


Os concellos que melloren nun 10% a súa achega ao contedor amarelo lograrán un premio de 2000€ para destinar a unha causa social

O Concello de Ponteareas será un dos quince concellos galegos que acollan a campaña “Únete ao reto”, promovida por Ecoembes e a Xunta de Galicia. Esta campaña, que se levará a cabo durante os meses de febreiro, marzo e abril, procura o fomento da reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks.

O obxectivo do reto é que o municipio mellore a súa achega ao colector amarelo, comparado co mesmo período anterior. A concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Rosa Covelo, explica que “para levar a cabo unha boa separación de residuos é fundamental implicar á cidadanía. Separar correctamente en orixe implica unha maior recuperación do material a reciclar. Por este motivo é imprescindíbel que existan campañas de concienciación que expliquen a importancia da separación de residuos desde o momento en que os estamos xerando”, sinalou.

Os concellos participantes que melloren, cando menos, nun 10% a súa achega ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) respecto ao mesmo período do ano pasado, conseguirán un premio dotado con 2.000, euros que terán que destinar a unha causa social local.

Para conseguir que os concellos superen o reto, están programadas unha serie de accións de comunicación coas que se pretende comprometer aos concellos e á cidadanía na mellora das cifras de reciclado de envases de plástico, latas e briks, nos seus respectivos municipios.

É por isto que durante os 3 meses de duración do reto, as entidades promotoras desenvolveran diferentes accións de grande impacto e poder de comunicación, como son a instalación de contedores amarelos xigantes e casetas, ou a planificación de intensas campañas informativas, coa finalidade de animar á cidadanía a participar á vez que se lles ensina como reciclar mellor.

 

En www.uneteaoreto.com atópase toda a información sobre como separar correctamente os residuos e será onde se publiquen os quilos recollidos cada mes de campaña en cada municipio.

En 2019, recicláronse máis de 1,5 millóns de toneladas de envases de plástico, latas e briks e envases de cartón en todo o territorio estatal. Grazas a esta porcentaxe, obtivéronse numerosos beneficios ambientais, como evitar a emisión de 1,67 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera ou aforrar 6,36 millóns de MWh. Asemade, aforráronse 20,74 millóns de metros cúbicos de auga.