Ponteareas abre o prazo para inscribirse como voluntario/a

Pode participar calquera persoa maior de 16 anos con compromiso e preocupación por colaborar en actividades culturais, festivas, turísticas, deportivas, sociais ou ambientais, entre outras, en Ponteareas.

O Concello abre hoxe a inscrición para o programa de Voluntariado. O programa estará aberto ata novo aviso e as persoas interesadas poderán descargar o formulario na páxina do concello e remitilo por correo electrónico a seguinte dirección: voluntariado@ponteareas.gal. A concelleira delegada Verónica Carrera animou á cidadanía a sumarse a esta serie de actividades. “O voluntariado está dirixido a xente  que desexe contribuír ao benestar dos veciños e veciñas, na que conflúen a liberdade de actuación, a solidariedade e o altruísmo”, explica.

Os inscritos poderán xa realizar funcións nas actividades programadas no Corpus coma difusión dos eventos, atención a visitantes, información turística ou apoio a accesibilidade.

Así mesmo, a finais de xuño, iniciarase no Concello un  proxecto de Voluntariado Medioambiental no que se desenvolverán obradoiros de compostaxe e horta ecolóxica, nos que se traballará o problema dos refugallos, interpretación do noso patrimonio con rastrexos e diferentes rutas de sendeirismo entre outras actividades.

O voluntariado de Ponteareas realizarase dentro do marco da lei de Acción Voluntaria de Galicia aprobada no 2011, que desenvolve a regulamentación das accións voluntarias organizadas no ámbito galego . Esta recolle unha serie de dereitos e deberes para as persoas que participen nas accións de voluntariado.

En base a esta normativa o goberno local leva ao Pleno extraordinario de mañá xoves 26 a aprobación inicial do Regulamento Interno de Acción Voluntaria. Para participar cada persoa debe estar rexistrada como membro do voluntariado de Ponteareas, que se fai cumprimentando o formulario de inscrición. Unha vez realizado, a persoa voluntaria debe manifestar a intención de participar en cada un dos programas de acción.