Ponteareas abre o prazo para a presentación de suxestións á futura ordenanza de mobilidade amábel e utilización dos espazos públicos

Ponteareas abre o prazo para a presentación de suxestións á futura ordenanza de mobilidade amábel e utilización dos espazos públicos

A nova regulación coloca ás persoas no centro da mobilidade e aposta polo uso compartido do espazo público, a redución do tráfico e unha maior seguridade

 

O Concello de Ponteareas vén de iniciar o proceso participativo que conducirá á aprobación da Ordenanza de Mobilidade Amábel e Utilización dos Espazos Públicos. A finais de setembro o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, presentou aos colectivos sociais o borrador da ordenanza nun acto enmarcado na Semana Europea de Mobilidade ao tempo que se daba traslado do documento aos grupos municipais para o seu estudo. Agora, o Concello expón publicamente na web municipal o borrador de ordenanza abrindo un prazo até o 20 de outubro para a presentación de ideas e suxestións por parte da veciñanza en xeral no correo participacioncidada@ponteareas.gal.

 

A nova ordenanza pretende superar a normativa actual, que data do ano 2003, baseada nun concepto de mobilidade obsoleto, no que toda a mobilidade se centraba e supeditaba ao vehículo a motor. A Ordenanza de Mobilidade Amábel configúrase como a ferramenta xurídica necesaria para implementar o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) e o Plan de Accesibilidade, así como todo o proceso de reforma urbana posto en marcha polo goberno municipal, dirixido a recuperar o espazo público para a mobilidade e estancia das persoas, fomentar os desprazamentos saudábeis e sustentábeis a pé e en bicicleta e reducir o tráfico a motor e, polo tanto, a contaminación e a inseguridade viaria.

 

Esta normativa aborda a regulación da utilización do espazo público atendendo a todas as actividades e usos, garantindo o dereito das persoas a desfrutar destes espazos e rematando coa monopolización dun único uso, o do automóbil. Nesta liña apóstase polo uso plural e compartido do espazo público con prioridades claras a favor das persoas, concibíndose coma lugares non só de paso senón tamén de estancia e convivencia.

 

A través desta nova ordenanza regúlanse as zonas de preferencia peonil, os supostos de necesidade nos que o tráfico a motor e as paradas se permiten nestes lugares e as condicións de seguridade nas que debe realizarse. Amais, contémplase que os pasos de peóns deberán ser sempre elevados coa mesma rasante que as beirarrúas, que á súa vez deberán ter unha anchura mínima de 2,50 metros. Onde non sexa posíbel acadar esas dimensións a vía deberá ser de plataforma única con preferencia peonil. A ordenanza regula tamén a mobilidade das bicicletas e vehículos de mobilidade persoal coma os patinetes eléctricos, así como a tonelaxe dos vehículos que poden circular por zonas urbanas. En canto ás velocidades máximas en vías urbanas a norma xeral serán os 20 km/h, limitación que tamén se aplicará en todas as pistas do rural que carezan de beiravía mínima de 1,5 metros de anchura. Ademais, a velocidade máxima será de 10 km/h nas rúas de preferencia peonil ou plataforma única e nas pistas do rural cando haxa presenza de persoas.