Ponteareas aborda o problema dos ruídos cunha nova ordenanza

O Concello abre o proceso de participación e prevé aprobar a ordenanza antes de finalizar o ano

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, responsábel das políticas de convivencia cidadá, anunciou a súa intención de que Ponteareas conte antes de finalizar o ano cunha nova ordenanza de ruídos que dea solución a un problema que afecta a unha parte importante da poboación.

A actual ordenanza municipal data de 1997 e está na práctica derrogada ao non axustarse á normativa de ruídos estatal e autonómica actualmente vixente. Mera explica que “sen ordenanza municipal carecemos da principal ferramenta para atallar os problemas de ruídos, especialmente en certas zonas de Ponteareas”.

Para a aprobación da ordenanza abríuse un proceso de consulta aberto a toda a cidadanía, que comeza cun primeiro prazo de sete días para suxestións, e que logo continuará coa consulta directa a toda clase de colectivos sociais e profesionais. No proceso participativo intervirán os servizos municipais de Policía Local e Asesoría Xurídica, os hostaleiros e comerciantes, as empresas de construción, os colectivos sociais veciñais e os ambientalistas (Adenco e voluntariado ambiental), os grupos municipais e partidos políticos sen representación, as actividades que producen ruídos (como a concesionaria da recollida de lixo ou os supermercados con actividade de carga e descarga de mercadorías). Tamén se dará a palabra a profesionais da avogacía, da enxeñería industrial e da arquitectura con despacho en Ponteareas. A todos eles se enviará unha proposta de ordenanza e se lles convocará a unha reunión.

Mera sinalou que a iniciativa “enmárcase nos traballos para elaborar o Plan de Convivencia e Civismo de Ponteareas” e responde á necesidade urxente de abordar os problemas de ruídos que se producen en espazos públicos como a Feira Vella co botellón ou en determinadas rúas e locais de ocio nocturno. “Queremos que o ocio se exerza sen perturbar o dereito ao descanso da veciñanza” concluíu Mera.

Toda a cidadanía que queira participar poderá facelo a través deste enlace enlace da web do concello para participación https://ponteareas.gal/participacion-cidada/