Pinchos con premios nunha nova edición de “Bocados de Outono”

A Concellería de Comercio, Hostelería e Consumo, que dirixe Inés Vidal, quere premiar aos participantes da terceira edición de “Bocados de Outono” con premios tan suculentos como as tapas que se servirán do tres ao cinco de novembro en nove locais de Ponteareas.

Dentro da programación da Feira de Outono, que arranca este xoves día 2 ás 20 horas coa conferencia “Etnomicoloxía. O papel cultural dos cogomelos”, terá lugar unha nova edición de “Bocados de Outono” que por tan só 1,50€ ou 2€ ofrece deliciosos bocados de carrilleira ibérica con castañas, cocido galego ou un salteado de cogomelos con chourizo de cabaza. O paté caseiro de pementos asados e anchoas, a costela á barbacoa e os chicharróns de outono xunto ás filloas de cogomelo, ao xamón en torrada de lacón e ós pasteliños de castaña con ibéricos e cogomelos tamén estarán dentro desa ampla carta de pinchos que se poderán degustar en “Bocados de Outono”.

O que aínda quede con fame poderá completar o menú con langostinos crocantes en escabeche agridoce de shiitake e mouse de boletus ou xarrete de tenreira galega con cogomelos de tempada ou mesmo un bo taco de porco celta máis castañas. Pero aínda hai máis para aqueles curiosos amantes da gastronomía como os mini burguers de vacuno e cogomelos de tempada ou os mini hot de longaniza fresca e crema de castañas. 

Casa Ferreira, A Casa da Triga, O Muíño Tapería, a Viñoteca Eira Vella, a cervexería Balú, a tapería Macdona, a Xanela Gastronómica, Mamafina e Mama Fina Express son os noves locais de hostelería que participarán no concurso de tapas de Bocados de Outono que os clientes poderán puntuar. O local da tapa gañadora será recoñecido cun galardón e un agasallo que entregará a Concellería de Comercio.

Pero como nesta edición a hostelería quere premiar máis ca nunca aos seus clientes sorprenderanos cun sorteo do que sairán tres agraciados que se levarán un circuito termal con cea para dúas persoas no Balneario Mondariz,  unha cea para dúas persoas en A Xanela Gastronómica e unha fin de semana nunha casa de turismo rural de Galicia. 

O roteiro de pinchos maridará coa animación de rúa, a feira de produtos de tempada, os xogos tradicionais, o magosto, as saídas guiadas ou o serán, entre outras moitas actividades que terán lugar no marco da Feira de Outono.