Pasacalles e concerto da Banda de Música “Unión de Guláns” este domingo, día 3 de agosto

cartel actividades verán 2014O domingo, día 3 de agosto, os amantes da música terán unha nova cita en Ponteareas, onde ás 21:30 horas, a Banda de Música “Unión de Guláns” fará un pasacalles polas rúas de Ponteareas, con saída desde a Casa do Concello, para dirixirse ao Auditorio Reveriano Soutullo onde, baixo a batuta da súa directora, Alicia Porto Fernández, interpretarán, entre outras, obras de grandes mestres ponteareáns como Rogelio Groba Groba, Indalecio Fernández Groba ou Reveriano Soutullo Otero.

Este será o primeiro concerto que abre unha serie que se levará a cabo durante todo o mes de agosto e que ten como obxectivo, segundo palabras do concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, recuperar as noites musicais de Ponteareas, que tan famosas foron na bisbarra. Participarán nestas veladas musicais as tres bandas de música existentes en Ponteareas: “ Unión de Guláns”, a Banda de Música de Xinzo e a Banda de Música Reveriano Soutullo. Así mesmo, o mes de agosto pecharase co II Festival Groba, con concertos diarios no Auditorio Reveriano Soutullo, desde o 23 ao 30 de agosto.