A parroquia de Prado luciu as súas alfombras de flores o pasado domingo 19

Toda a veciñanza participa nesta iniciativa da asociación cultural Santa Bárbara, que naceu fai oito anos

O día 8 de xuño as veciñas e veciños da parroquia de Prado comezaron os traballos de recollida e preparación de material que culminou coa realización das alfombras florais o pasado domingo.

IMG-20160620-WA0001

Desde o ano 2008, unha veciña da asociación cultural Santa Bárbara reúne no portal da súa casa desde os máis cativos ata os máis veteranos da parroquia e arredores co gallo de esfollar o material vexetal que despois se usará na elaboración das alfombras na noite máis longa do lugar. Unha noite de festa onde se comparte chocolate, café e doces caseiros entre os participantes.

“Para nós é moi importante xuntar á xente maior cos máis novos, para que transmitan a tradición entre xeracións. É un exercicio san de convivencia. Durante quince días traballamos todos xuntos, esfollamos flores e plantas, e parolamos de todo. Somos unha parroquia moi unida e participamos todos e todas nesta actividade, incluso veñen de fóra para colaborar”, explica Manuel Costal, presidente da asociación.

IMG-20160620-WA0002

As alfombras de Prado elabóranse o terceiro domingo despois do Corpus de Ponteareas, onde as veciñas e veciños tamén participan nun tramo de alfombrado, na rúa Reveriano Soutullo. En Prado, realizan unha alfombra central no torreiro da Igrexa de San Nicolás e outras tres máis pequenas. Unha destas é realizada na súa totalidade polas nenas e nenos, escollendo o seu colorido e materiais.