A Concellería de Deportes do Concello de Ponteareas, que dirixe Benito Márquez, pechou o prazo de votación para a posible ubicación do futuro parque de calistenia e street workout, dúas modalidades deportivas semellantes centradas nos músculos co fin de desenvolver axilidade, forza física e flexibilidade. Estas modalidades deportivas consisten no adestramento co propio peso corporal mesturado con movementos de tensión e explosión, realizadas en barras de diferentes lonxitudes e diámetros que se converte nunha especie de ximnasio ao aire libre.
A través dunha enquisa na rede social Facebook, a veciñanza puido amosar a súa opinión respecto ao lugar de colocación desta nova área deportiva que pretende cubrir unha demanda veciñal e ampliar a oferta de modalidades deportivas na nosa vila.
Os usuarios e usuarias de facebook valoraron como máis idónea, en primeiro lugar, a súa instalación no parque Ferro-Ucha cun 32,1% de votos, seguido do parque das Pombas cun 24,7% e máis distanciado no parque anexo ao complexo deportivo de Pardellas cun 14,8%. No apartado ‘outras ubicacións’, que contou cun 27,2 %, recolléronse tamén outras aportacións como a Feira Vella, San Roque, a praza Anduriñas, a Bisoureira, Moscadeira, etc.
O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, valorará agora todas as aportacións de cara a dotar a Ponteareas con esta nova instalación. “A nosa intención é dar resposta á demanda existente destas instalacións por parte da xente nova da nosa vila, e dotala de mellores instalacións deportivas, abertas e gratuítas”.