O parque da Perillana da o pistoletazo de saída para a renovación dos parques do centro urbano

O Alcalde de Ponteareas, o nacionalista Xosé Represas, comeza co redeseño do parque infantil da Perillana a renovación dos parques infantís no centro urbano e nas parroquias que se desenvolverá ao longo deste ano. 

Cunha festa infantil, animación, música e centos de globos o parque da Perillana abre as súas portas. O goberno de Ponteareas convida a todas as familias á inauguración do parque que terá lugar este venres día dous ás 17 horas cunha feta infantil. A mellora da calidade de vida dos máis novos é fundamental para este goberno xa que son o futuro de Ponteareas. Seguindo as directrices marcadas na estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” o goberno apostará sempre pola implantación de áreas de convivencia e participación, a mellora de espazos que faciliten a socialización e promovan hábitos de vida saudables.

O parque infantil da Perillana conta con novos xogos diferentes ocupando unha maior superficie cun chan de caucho que foi renovado por completo.

Na obra retiráronse os xogos deteriorados incorporando elementos de xogo novidosos, algúns adaptados a menores con mobilidade reducida, incorpora unha tirolina cunha caída dun metro para nenos e nenas maiores de cinco anos, unha casa árbore, unha formiga tobogán, balancíns e montañas con camas elásticas e tobogáns en acero inox, entre outros elementos.

Todos os xogos son de materiais antideslizantes e dispóñense de xeito que faciliten a socialización dos cativos e cativas e con cores uniformes para a súa integración nunha contorna de elevando valor patrimonial.

O entorno do parque infantil mellorouse tamén coa colocación de bancos e papeleiras que completa un orzamento de 57.003€.