O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, traslada os parabéns en nome de todo o Goberno local á poeta ponteareá Teresa Ríos, que acaba de engadir nestes días dous novos galardóns á súa traxectoria.
Alumna de todos os obradoiros de escrita creativa do Concello de Ponteareas e membro do Club de Lectura da biblioteca municipal, a poeta vén de conseguir o primeiro premio no VI Certame Vilariñas, un concurso no que as obras presentadas constitúen unha orixinal mestura de micro poemas con imaxe que se converten nunha especie de haikus á galega. A escritora ponteareá recollerá o premio no acto de clausura do II Festival de Poesía Guitirica o vindeiro 3 de xullo na Casa Habaneira de Guitiriz.
Por outra banda, Ríos tamén acaba de conseguir o terceiro posto na categoría de ‘Mellor poesía do ano 2021 na Galiza’ nos premios aRitmar Galiza e Portugal, un proxecto que busca difundir a música e a poesía e aproximar a cultura e a lingua galega e lusa.