Os pasadobres de Soutullo abren o II Concurso Nacional de Piano Mestre Soutullo

Dende o xoves día un ata o o domingo catro de novembro o concello de Ponteareas acollerá a segunda edición do Concurso Nacional de Piano Mestre Soutullo, organizado pola Fundación Reveriano Soutullo Otero.

O pasadobre galego “Puenteareas”, estreado o 20 de outubro de 1929, abrirá esta segunda edición enchendo de notas alegres o auditorio municipal, así o adiantou a presidenta da Fundación Reveriano Soutullo, María Rosa Arija Soutullo, que no acto de presentación do concurso estivo acompañada polo Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista e Rafael Pérez Dopeso, vicepresidente da Fundación.

Nesta edición o concurso medra e contará con participantes non só de Galicia se non tamén de Avilés, Gijón, Ibiza e Madrid, moitos deles gañadores xa de premios nacionais que engrandecen e enriquecen este certame.

Ata o auditorio de Ponteareas achegaránse tres dos netos do Mestre Soutullo, María Victoria Gómez Soutullo, presidenta de honra da fundación; Alejandro Polanco Soutullo e María Rosa Arija, organizadora.

Arija explica que os obxectivos deste concurso son ofrecer respaldo e proxección ás novas promesas da música de piano e ofrecer un espazo para amosar o traballo e o esforzo que realizan estes estudiantes. Outro dos obxectivos é dar a coñecer a músca de piano composta por Soutullo que comezou a ser coñecida no ano 2005 na celebración do día das Letras Galegas no conservatorio superior de Vigo grazas á catedrática de piano e membro do xurado desta edición, Josefa Estarque.

O Alcalde de Ponteareas explicou o importante papel deste concurso no que se promocionan aos estudantes e no que se difunde a creación dun creador prolífico que levou o nome da cidade a moitos lugares do mundo.

Cun xurado experto na figura do Mestre Soutullo e formado polos profesores Josefa Estarque, presidenta do tribunal, Alejo Amoedo e Enrique Goberna, o concurso entregará premios na categoría de elemental e profesional, obtendo os primeiros premios 600€ e 1000€ respectivamente. 

O xoves día 1 ás 20:00 horas terá lugar o concerto de apertura a cargo de Alejo Amoedo que interpretará a súa versión pianística do pasodobre “Puenteareas” para dar paso logo ás actuacións da pianista Alba Gabriela Cracium, terceiro premio do grado elemental na pasada edición e elexida pola fundación como xoven promesa do piano en Ponteareas; seguida de Mateo Gil Sestelo, gañador do grado elemental tamén na pasada edición e Noreia Hermida, gañadora do primeiro premio no grado profesional no I Concurso de Piano Mestre Soutullo. O pasadobre “Carpio” nas mans de Estefanía Cereijo Omil será o encargado de pechar o acto de apertura do concurso nacional de piano Mestre Soutullo.

O venres día 2 a partir das 18:00 horas os participantes do grado elemental amosarán a súa sensibilidade no piano interpretando unha peza de elección libre e a peza obrigatoria “Idealidad”, unha jota do album “En noche de luna” de Reveriano Soutullo. 

O sábado día 3 a partir das 18:00 horas os concursantes do grado profesional interpretarán unha mazurka e un fox trot de Soutullo e unha peza de libre elección.

O domingo día 4 ás 19:00 horas os finalistas que determine o xurado volverán ao escenario para volver tocar as pezas libres e obrigatorias.

Nesta edición o xurado entregará unha mención especial á mellor interpretación da obra de Soutullo.

Hortensia Bautista convida a toda a cidadanía a desfrutar da música en calquera das catro xornadas desta edición, sendo posible a asistencia de público a calquera dos actos.