Os orzamentos prevén 11,7 millóns de euros para ampliar a depuradora e poñer fin á contaminación do Tea

O goberno local anuncia xestións para que tamén se inclúan as partidas para a circunvalación e a mellora da seguridade na N120

O goberno municipal de Ponteareas, formado polo BNG e PSdG-PSOE, avaliou hoxe o proxecto de orzamentos presentado polo goberno do Estado para o seu debate e aprobación no Congresos dos Deputados.

O Alcalde, Xosé Represas, e a segunda tenente de alcalde, Chus Garrote, salientaron como dato moi positivo a previsión no orzamento de 11,7 millóns de euros para acometer a ampliación da estación depuradora de augas residuais da Moscadeira. “Trátase dun investimento extraordinario que permitirá dar solución a un dos problemas históricos máis graves de Ponteareas, a contaminación do río Tea”, explicou o Alcalde.

 

Pola contra, o goberno local considera inaceptábel a ausencia de partidas para a circunvalación e a mellora da seguridade na N-120. Por iso, Represas e Garrote emprenderán de inmediato diferentes accións para que os orzamentos, durante o trámite parlamentario, recollan as cantidades nas que o propio Estado cifrou esas dúas actuacións: 7,5 millóns de euros para a circunvalación e aproximadamente 4 millóns de euros para executar a mellora da seguridade na N-120.

A intención de Represas e Garrote é reunirse de inmediato con representantes do goberno do Estado para que “rectifiquen ese erro” de maneira que no trámite parlamentario se incorporen esas dúas partidas aos orzamentos. “É unha cuestión innegociábel para Ponteareas xa que se trata dunha débeda histórica coa localidade, o actual goberno do Estado deu a súa palabra e agora debe cumprir con cifras nos orzamentos” advirten desde o goberno municipal.

 

Represas e Garrote lembraron que “hai consenso absoluto entre todas as forzas políticas de Ponteareas sobre a necesidade de recoller esas cantidades no orzamento do Estado. Como a súa aprobación depende dos grupos políticos no Congreso, estamos convencidos de que finalmente esas partidas figurarán no presuposto cando este se aprobe. Aínda hai tempo para conseguilo e para iso é fundamental a unidade política”.

Neste sentido, Represas e Garrote apelaron a facer unha fronte común para que os orzamentos contemplen esas cantidades e pediron a todos os grupos políticos que a través das correspondentes enmendas apoien eses investimentos cruciais para Ponteareas.

No lado positivo, o goberno local destaca que trala realización do proxecto de ampliación da depuradora de Ponteareas, os orzamentos recollen agora 11,7 millóns de euros para executar a obra.

Segundo Represas e Garrote, esta previsión no orzamento revela que durante estes cinco anos o goberno municipal traballou con seriedade para resolver un problema arrastrado desde hai 25 anos e que as denuncias culpando ao actual executivo local da contaminación do Tea eran inxustas. “Nós herdamos o problema e nós estamos dándolle solución con feitos”, sinala o Alcalde Xosé Represas. “Resolver a ampliación da depuradora será ademais determinante para poder ampliar o saneamento nas parroquias que carecen del” engadíu Garrote.