Os mercados e feiras dos sábados festivos pasarán a celebrarse sempre os venres. Mañá día de feira en Ponteareas

A concellería de Promoción Económica informa que os mercados e feiras dos sábados festivos pasarán a celebrarse sempre os venres. Promoción Económica estudou as distintas alternativas co comercio local que considerou mellor opción trasladar as feiras e mercados dos sábados ao día anterior xa que nos festivos o noso comercio permanece pechado.

Tendo en conta a incidencia positiva que ten o mercado dos sábados para o conxunto do comercio, que nos días festivos so abre alimentación,  o centro comercial aberto BANASTRA e a Asociación de Comerciantes Tea trasladaron á concellería a necesidade de mudar aos venres as feiras que cadren en festivos.

Deste xeito, a feira do sábado 25 de xullo, pasará ao venres 24 e o mercado do sábado 15 de agosto ao venres 14.

O Concello recorda que históricamente os días de feira son os 14 de cada mes e o último sábado de cada mes e os días de mercado todos os sábados, agás o último de cada de mes que é feira.

A concellería salienta que os comercios de alimentación e a praza de abastos si abrirán os sábados festivos para ofrecer aos clientes os produtos frescos e de primeira necesidade.

 

O Concello explica que esta decisión contribúe a un mellor e organizado servizo para o consumidor que atopará unha ampla e variada oferta de produtos e servizos nun mesmo horario e día laboral e que tamén respecta as necesidades de descanso do comercio local garantindo tamén a oferta de produto alimentario fresco en días festivos.