Os gorros navideños de papá Noel tomarán a praza Maior na VII San Silvestre

O ano pasado colgaron o cartaz de cheo na categoría adultos e recadaron mil kg de alimentos e produtos de limpeza e este ano o reto é superar os datos de recollida  e tamén os da categoría infantil. 

Con este obxectivo,Taninos Runners Ponteareas presentou en colaboración coa concellería de Deportes  e a concellería de Servizos Sociais do concello de Ponteareas a VII San Silvestre Solidaria que terá lugar o vindeiro 31 de decembro a partir das catro da tarde. 

Unha vez máis, os Taninos Runners queren apelar á solidariedade da cidadanía e de todos e todas as deportistas aos que convidan a participar non só nunha proba deportiva se non tamén de compromiso social aportando ao centro de reparto de alimentos de Ponteareas todas as achegas voluntarias de alimentos (tamén para celíacos) e produtos de hixiene persoal.

Vestidos para a ocasión

A organización convida a todos e todas a facer deste encontro un momento festivo e divertido no que os e as corredoras veñan vestidos con roupa navideña. Deste xeito os gorros navideños de papá Noel encherán a praza e as rúas do centro urbano para destacar a importancia da solidariedade e facer máis visible o obxectivo da proba.

Para que nesta actividade poida participar toda a familia, a organización establece dúas probas. A de adultos será a partir das 17:30 horas con saída dende a Praza Maior cun percorrido urbano de cinco km e aberta a maiores de 14 anos cun límite de 750 participantes. 

Os máis cativos e cativas terán a súa oportunidade ás 16:45 horas tamén na Praza Maior e estará aberta a maiores de 6 anos cun límite de 250 participantes. 

As inscricións para as dúas probas poderán realizarse dende o 3 ao 29 de decembro na web: www.taninosponteareas.com o propio día da proba non se poderán realizar inscricións.

Na presentación estiveron apoiados polo Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, polo concelleiro de Servizos Sociais, Manolo Troncoso e polo concelleiro de Deportes, Benito Márquez.

O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, agradeceu “a implicación dos taninos por organizar un ano máis esta proba de carácter solidario, que tódolos anos supón unha achega importante para o Centro de Reparto de Ponteareas e do que moitas familias desfavorecidas se benefician”. Asemade, convidou tamén a tódolos veciños e veciñas da vila a participar e achegarse ata a praza maior nesta xornada lúdico-deportiva.