Os contos de Paula Carballeira amenizarán a noite da mocidade de Ponteareas o próximo venres

O espectáculo será ás 22.00 horas na praza Fernández Vega e forma parte do programa de actuacións Noites ao Vivo

Os contos da actriz e escritora Paula Carballeira amenizarán a noite da mocidade de Ponteareas o próximo venres ás 22.00 horas na praza Fernández Vega (diante do Auditorio Municipal). A actuación forma parte do programa de actuacións Noites ao Vivo que organiza o Concello, e que espalla a cultura ao aire libre por varios espazos do municipio durante este verán. 

 

Paula Carballeira adícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1992. Foi convidada aos principais festivais de narración oral tanto nacionais como internacionais (Brasil, Chile, Ecuador, Perú, Colombia, Cabo Verde, Portugal…). Participou en diversos programas da TVG (“O clan dos impostores”, “Libro de familia”, “Apaga a luz”, “A noite en branco”, “Pequeno Hotel”, “O rei da comedia”, “Rías Baixas”, “Máxima Audiencia”, “Contando estrelas”, “Pepe o inglés”), e ten colaborado en diferentes programas da Radio Galega (“Xamón, xamón”, “A taberna da galega”). Ademais é autora de numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil traducidos a varias linguas, libros escolares de lectura, ademais de poemarios e pezas de teatro (Premio Manuel María de Literatura Dramática no ano 2006, 2011 e 2018. Finalista Premio ASSITEJ ano 2016).

 

Dende a Concellaría de Eventos, que dirixe Miguel Bouzó, animan a toda a veciñanza a non perderse este espectáculo. A entrade é de balde ata completar aforo.