Os conservatorios de música de Ponteareas e Cambados intercambian escenarios por un día

O Conservatorio e Escola de Música de Ponteareas Reveriano Soutullo prepárase para unha tarde de intercambio no que compartir música, experiencias e escenario cos integrantes da banda de música do conservatorio de Cambados. Este xoves 16 de marzo a Banda de Música Xuvenil de Cambados visitará a sala multiúsos do auditorio municipal para deleitar ao público coas súas interpretacións.

Durante esa tarde, as bandas de música do conservatorio ponteareán e cambadés uniranse para ofrecer un amplo repertorio no que poderán escoitarse pezas como ‘Juventus’, ‘Cabaret’, ‘Mamma Mia’ de Abba, ‘Hey Jude’ dos Beatles, ‘Livin’on a prayer’ de Bon Jovi, ‘Non chores por min Arxentina’, ‘Mi gran noche’ de Rafael, ‘A Fermosa e a Besta’, ‘Take on me’ de A-Ha ou ‘Thriller’, de Michael Jackson.

“É unha oportunidade única para fomentar o intercambio de experiencias, de diferentes xeitos de ver, sentir e vivir a música traballando con mozos e mozas doutro conservatorio e enriquecerse de forma mutua”, explica a concelleira de Ensino e alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández.

O encontro será ás 19.30 horas con entrada libre ata completar aforo.