Os colexios de Ponteareas xa contan con pictogramas que permiten a plena autonomía das persoas con TEA

A colocación de 700 pictogramas por parte de Autismo Galicia e o Concello de Ponteareas permitirá romper as barreiras que dificultan a autonomía das persoas autistas.

A Federación Autismo Galicia e o Concello de Ponteareas, teñen instalado 700 pictogramas en todos os centros educativos de primaria do municipio. Este código de comunicación, habitual nas persoas autistas, favorecerá a súa autonomía e o dereito a acceder aos servizos da sociedade en igualdade cos demais veciños e veciñas. Esta situación beneficiará tamén ao alumnado de Infantil que todavía non se desenvolve con moita rapidez na lectura.

A instalación destes pictogramas é froito do acordo asinado, no pasado ano 2016 entre a Federación Autismo Galicia e o Concello de Ponteareas a través das concellerías de Benestar Social e Ensino, xestionadas por Verónica Carrera e e Cristina Fernández, respectivamente.

Os colexios que xa contan con este código de comunicación a través de pictogramas, son os CEIP Nosa Sra. dos Remedios, Fermín Bouza Brey, Mestre Ramiro Sabell Mosquera, Feliciano Barrera, e Santiago de Oliveira, amáis dos CPR La Inmaculada e Santiago Apóstol.

Este sistema de comunicación alternativo, permite as persoas con TEA romper as barreiras que lle impiden facer uso das instalacións dos colexios dun xeito máis igualitario e autónomo, xa que lles permite comprender mellor o entorno no que se moven.

“Dende o primeiro momento, o Concello de Ponteareas quixo deixar claro o seu alto grao de compromiso coas familias de persoas con autismo da zona, e froito desa implicación nacía o programa Coidamos-TEA e a cesión de lugares de encontro e atención para este colectivo”, comenta a edil Verónica Carrera.

Cristina Fernández, concelleira de Ensino do Concello de Ponteareas salientaba o  firme compromiso do Goberno local de poñer todos os medios “que fagan posible a accesibilidade do alumnado con autismo nos centros escolares do municipio permitíndolle, como é o caso coa instalación destes pictogramas, unha maior autonomía dentro das súas instalacións”.