Os Bolechas agárdanvos na carpa da praza da Música

Alumnado de primaria de toda a comarca do Condado e cativos e cativas de todos os concellos poderán achegarse dende hoxe á carpa instalada na praza da Música de Ponteareas (enriba do auditorio) para aprender xogando cos Bolechas. Co obxectivo de mergullarse na riqueza da nosa lingua as concellerías de Cultura e Benestar Social dirixidas por Hortensia Bautista e Verónica Carrera, respectivamente, acompañadas do Alcalde Xosé Represas,da concelleira de Ensino, Cristina Fernández e do Deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, inauguraron hoxe a exposición “Gatiños, Ghatiñas, Gatíos” que estará ata o 30 de novembro. Todas as tardes os e as que o desexen poden visitar a carpa para xogar coas actividades propostas.

Grazas a esta iniciativa da Deputación en colaboración co concello de Ponteareas, ademais de aprender xogando, o alumnado participante será agasallado cun libro dos Bolechas que ambas concellerías repartirán nas visitas matinais. 

Os Bolechas convidan, a través de xogos, a gozar, participar e aprender as diferentes variedades dialécticas de Galicia. Fomentan a participación e a inmersión, é multisensorial, pedagóxica, divertida e colaborativa. Ten dende unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e sons ata unha zona de audicións e gran karaoke!.