Os alcaldes das comarcas do Condado e A Paradanta demandan un transporte público de calidade ao novo hospital “Álvaro Cunqueiro”

A Casa do Concello de Ponteareas foi o lugar escollido para unha reunión na que participaron sete alcaldes e tres tenentes de alcalde

Do encontro sae unha petición conxunta para reclamar á Xunta de Galicia que aporte solucións ao problema do transporte

Q55A6540Xosé Represas e María Jesús Garrote, alcalde e primeira tenente de alcalde de Ponteareas respectivamente, actuaron como anfitrións dun encontro no que participaron os alcaldes de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal; de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez; da Cañiza, Miguel Domínguez; de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo; de Covelo, Juan Pablo Castillo; de Crecente, Julio García Luengo; a tenente de alcalde de Arbo, Salomé Troncoso; e a tenente de alcalde de Mondariz, Mónica Peralba.

A xuntanza serviu para extraer da mesma unha soa voz en forma de esixencia: demandar á Xunta de Galicia un servizo de transporte público de calidade para que todos os veciños e as veciñas das comarcas do Condado e A Paradanta poidan desprazarse até o novo hospital de Vigo “Álvaro Cunqueiro”.

Todos os representantes concordaron na necesidade de que este servizo sexa áxil, operativo e directo, ademais de ter unha correspondencia en termos de tempo e custo económico coas cifras que até agora eran necesarias para desprazarse até o hospital Meixoeiro.

A reunión puxo de manifesto a coincidencia de todas as partes na falta de previsión por parte dunha Xunta de Galicia que, asemade, é a administración que debe aportar solucións, pois goza das competencias de sanidade e de transporte. Dita carencia de planificación prexudica ao transporte público e impide ofrecer un servizo que xa se converteu nunha auténtica demanda social por parte da veciñanza de todos estes concellos.

Uns municipios que, a través dos citados representantes, tamén acordaron facer fronte común para reclamar á Xunta de Galicia a apertura da negociación das condicións de entrada no sistema de transporte da área metropolitana de Vigo. Na actualidade, o concello de Salvaterra xa se encontra adherido a este sistema e a Dirección Xeral de Mobilidade xa comezou os estudos previos de tráfico e custos precisos para a adhesión de Ponteareas á área de transporte metropolitana.

Unha reunión produtiva na que os alcaldes as tenentes de alcaldía se comprometeron a seguir mantendo encontros para tratar aqueles temas que sexan de interese común para todos os concellos de ámbalas dúas comarcas.