Os 80 mellores nadadores e nadadoras de toda Galicia enfróntanse en Ponteareas

Os 80 mellores nadadores e nadadoras de toda Galicia enfróntanse en Ponteareas

O CN Ponteareas organiza este sábado 29 de abril o Campionato Norte-Sur, un all star game que ofrecerá ao público un verdadeiro espectáculo

Unha competición coas e cos mellores entre os mellores. Así será o Campionato Norte-Sur de natación, que disputará este sábado 29 de abril a súa segunda edición e reunirá na piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino ás e aos 80 mellores nadadores de Galicia, 40 da zona norte e 40 da sur. O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, e o director técnico do Club Natación Ponteareas, Andrés Carrera, presentaron esta nova competición nun acto no que estiveron acompañados polo deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; polo xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; polo director técnico da Federación Galega de Natación, Daniel Toro, e por membros e patrocinadores do club deportivo.

Bouzó resaltou a importancia de traer a Ponteareas unha competición tan diferente, que se suma “á ampla programación de eventos e iniciativas que está a desenvolver o CN Ponteareas e que amosa a capacidade do club para renovarse. Todo un camiño de éxitos que é froito do traballo e do esforzo que realiza o club a todos os niveis”.  O concelleiro tamén destacou “as importantes sinerxías que estes eventos crean entre deporte, turismo, comercio e hostalaría, xa que contribúen a facer de Ponteareas unha vila viva e dinámica”.

O público poderá gozar da competición a partir das 10.30 h de forma presencial “case a pé de piscina” ou por streaming a través da canle de Youtube do Club Natación Ponteareas. “Será unha competición moi relevante pola calidade das e dos participantes, que estamos seguros e seguras de que darán un verdadeiro espectáculo”, explicou Andrés Carrera, quen tamén presentou durante o acto a revista do club ponteareán, unha nova ferramenta de divulgación que recolle todo o traballo realizado e dos éxitos acadados ao longo da tempada.

O deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, quixo felicitar ao CN Ponteareas por todos os eventos feitos ata o de agora “e que farán ao longo dos anos, cos que apostan por dinamizar e poñer en valor o deporte”. Pola súa banda, Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, recoñeceu o esforzo realizado polo club para estender a natación por todos os recunchos.

O director ténico da Federación Galega de Natación, Daniel Toro, convidou a todo o público a achegarse este sábado ao Complexo Deportivo Álvaro Pino “para gozar dun campionato moi atractivo e pouco habitual” e felicitou ao CN Ponteareas a ao Concello pola constante colaboración para poder seguir realizando este tipo de iniciativas hoxe en día.