A Oficina Municipal de Información Xuvenil, que dirixe a concelleira de Mocidade Verónica Carrera, vén de anunciar que ata o vindeiro 2 de maio está aberto o prazo para inscribirse nos Campamentos de Verán de 2017, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
A participación na oferta da Campaña de verán 2017 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás).
Os campamentos son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais. As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo e agosto. Podes escoller o campamento que queiras en función da túa idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades de diversa temática en función do campamento (náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao o Camiño de Santiago, científica, agrícola…) Só tes que animarte a participar!
As solicitudes poden tramitarse en enderezo web https://sede.xunta.es cos seguintes códigos para solicitude individual co procedemento BS303A e para solicitude múltiple co procedemento BS303F. Hai prazas reservadas para inclusión de persoas con discapacidade mediante o procedemento BS303G para solicitude individual e o procedemento BS303H no caso de solicitude múltiple. No caso das persoas ter unha discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán participar nesta convocatoria cumprindo os seguintes requirimentos
– Facer constar a súa condición no apartado que figura no seu impreso de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios.
– Que no certificado de recoñecemento de discapacidade non se recolla a necesidade de axuda de terceira persoa.
– Ter capacidade de integración nun grupo e que as súas limitacións e/ou necesidades especiais lles permitan participar e beneficiarse das actividades que se van desenvolver no destino que soliciten.
No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. As persoas que presenten a solicitude polo procedemento de portelo único dos concellos ou por correo deben remitir, unha vez rexistrada, unha copia por fax ao número 981 545 843.
Os membros de familia que teñan o título de numerosa terán un desconto do 50%. As persoas usuarias do Carné Xove gozarán dun desconto do 25%. Poderán participar os mozos e mozas que teñan entre 9 e 17 anos. Os/as nacidos/as no ano 1999 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento. Os/as nacidos/as no ano 2008 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento. Ningún/ningunha participante poderá ser admitido/a en máis dun campamento por ano.
A adxudicación das prazas será por sorteo. Crearase unha lista de espera para un campamento concreto, de entre os que solicitou entre as cinco opcións na que se ofertarán as prazas que queden vacantes. As prazas vacantes que non se cubrisen serán ofertadas na fase de resultas a calquera solicitante que as demande.
Para solicitar máis información os interesados poden dirixirse a Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ponteareas situada na Biblioteca Municipal da rúa A Perillana ou chamar ao teléfono 672 10 54 68