Oito mozas e mozos de Ponteareas reciben en Gijón formación para a mediación en lecer nocturno xuvenil

Oito mozas e mozos de Ponteareas, acompañados da técnica municipal responsable de voluntariado, Rocío Márquez, participarán dende hoxe ata o domingo 23 no XIV curso de formación de mediadores/as en lecer nocturno xuvenil que se celebra en Gijón.

O concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, insiste na importancia de apoiar as inquedanzas da mocidade respaldando accións formativas e actividades que os completen como persoas e como futuros profesionais.

O obxectivo do curso é formar a grupos de mozas e mozos ou de profesionais que estean en contacto directo coa mocidade, desde a metodoloxía da participación e a intervención comunitaria, para que sexan elas e eles mesmos quen poñan en marcha accións preventivas en drogodependencias no marco do lecer xuvenil nas súas localidades”.

As voluntarias e voluntarios Alba Castro Pérez, Daniel Costa Melón, Inés Pereira Martins, Iria Pérez Rodeiro, Lara Macías, Loreto Gil Pazos, Noelia Sánchez Souto e Pablo Costa Melón, que participan nos programas e actividades da oficina municipal de voluntariado, asisten a esta formación organizada pola asociación xuvenil “Abierto hasta el amanecer” coa colaboración da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas e o Concello de Gijón, asumindo o Concello de Ponteareas o seu desprazamento á cidade asturiana.

No marco desta iniciativa, as voluntarias e voluntarios ponteareáns participarán na segunda parte desta acción formativa, que terá lugar no mes de xuño en Sant Boi de Llobregat, Cataluña.

Ponteareas é o único Concello galego seleccionado para participar nesta formación, que supón un paso máis na consecución dunha sociedade participativa, implicada, responsable e formada.