Obradoiros e exhibicións para inaugurar o parque de calistenia e workout

A partir das sete da tarde de mañá venres a mocidade poderá participar na exhibición, no obradoiro e na quedada workout que organiza a concellería de Mocidade

O concello de Ponteareas convida a toda a veciñanza á inauguración do parque de calistenia e street workout este venres día 19 de xullo ás 19:00 horas no parque Ferro-Ucha.

Esta nova zona deportiva financiouse con fondos propios cun custo total de 22.709€. Esta nova instalación ten 210 metros cadrados, e inclúe un parque de calistenia de 180 metros cadrados e un circuito aeróbico de 80 metros cadrados.

A partir das sete da tarde de mañá venres a mocidade poderá participar na exhibición, no obradoiro e na quedada workout que organiza a concellería de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó. Esta actividade está enmarcada no programa Mocidade Viva deseñado en colaboración cos mozos e mozas de Ponteareas que participaron na consulta realizada para a configuración de todas as actividades que se ían incluir no primeiro programa específico para a mocidade no concello de Ponteareas.

O parkour, o breakdance, o graffiti e as actividades que implican o desenvolvemento de expresións artísticas na rúa foron as máis demandas pola mocidade, “por iso dende a concellería de Mocidade continuamos coa nosa aposta por ofrecerllas ás nosas mozas e mozos que poden, deste xeito, atopar na súa cidade entretemento e espazos de convivencia”.

Fomentar a práctica deportiva aproveitando os espazos naturais que ofrece a cidade é o obxectivo desta iniciativa que promove a concellería de Deportes que tras unha consulta popular a través das redes sociais decidíu ubicalo neste céntrico pulmón verde.

Os diferentes módulos destinados ao exercizo distribúense ao longo de toda a superficie situando sobre o terreo o circuito aeróbico e executando a área da superficie de destinada a calistenia sobre area de sílice de río. A zona está perimetrada cun borde de madeira de piñeiro para evitar que a area se espalle.

O parque de calistenia ten un cubo, un monkey bar horizontal, un banco para abdominais, unha parede sueca, barras de dominada triple francesa e barra dominada clásica, un monkey bar de dous niveis, un monkey bar serpe e barras paralelas.

Pola súa banda o circuito aeróbico componse dun elevador-flexión de brazos, un aparello de cintura, outro de remo, outro para adestramento de torso e outro para extensión de xeonllos.

Na liña da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”, esta nova iniciativa do goberno de Ponteareas busca promover hábitos de vida saudables e a interacción respetuosa da cidadanía co medio ambiente.