O Xulgado de Ponteareas prorroga seis meses, até decembro, a instrución da operación Patos

Na peza xudicial da vila están imputados o ex alcalde, Salvador González Solla, e a ex edil de Facenda e Persoal, Belén Villar, trala investigación da UDEF

O Xulgado nº. 2 de Ponteareas ven de prorrogar as dilixencias de instrución da operación Patos, causa xudicial que investiga a corrupción destapada nesta operación e pola que están imputados  o ex alcalde do PP Salvador González Solla e á ex concelleira de Facenda, Belén Villar, pola presunta comisión de delitos de prevaricación, falsidade documental e contra a facenda pública. A prórroga de investigación, a que se opuxeron as partes imputadas, foi apoiada pola fiscalía.

Amais, no día de onte, foron a declarar cinco traballadores municipais  como testemuñas sobre as obras da senda do río Tea, unha das actuacións investigadas neste proceso xudicial.

No marco da operación Patos, a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) atribúe ao ex alcalde do PP Salvador González Solla e á ex concelleira de Facenda e Persoal, Belén Villar, a comisión de delitos de prevaricación, falsidade documental e contra a facenda pública. As presuntas actuacións delituosas de Solla e Villar están relacionadas coa concesión da estación de tratamento de auga potable á empresa Aquagest e as falsidades cometidas na xustificación de diferentes subvencións.

O concello de Ponteareas está persoado neste procedemento, para poder formular unha acusación particular e esixir a responsabilidade  civil, se a houbera, que corresponda en cada caso. O Goberno local agarda que se avance nesta investigación para aclarar os posibles danos e prexuízos económicos causados ao Concello de Ponteareas