O xornalista Roi Groba pregoa o Corpus con orgullo, gratitude e amor por Ponteareas

O presentador de deportes da TVE nos informativos matinais subiu ao escenario para honrar as festas de Ponteareas, vila de onde procede toda a súa familia.

Cun auditorio ateigado de veciños e veciñas de Ponteareas para a ocasión, chegou un dos momentos máis esperados: o pregón das festas do Corpus. Este ano a responsabilidade e honra de dar comezo aos festexos foi caer nos ombros de Roi Groba, xornalista e presentador na RTVE, con vínculos familiares na vila.

Q55A8613 Roi Groba comezou expresando a infinita gratitude por ser pregoeiro nesta edición do 2016. “Estar hoxe aquí, nesta tribuna, a lectura deste pregón, é un soño que nunca pensei que podería cumprir. Representar á túa vila, á terra dos teus pais e antepasados, as túas raíces é a maior distinción e honra que recibín na miña vida, e, probablemente, a máis grande que xamais acadarei. Porque é o recoñecemento dos meus, dos meus paisanos, da miña terra”

O pregón repasou a súa relación con Ponteareas. “Eu nunca terminei de chegar, pero tampouco nunca me fun. O vento da emigración levou aos meus pais ata Madrid, onde nacín e me criei. Pero as lembranzas da miña infancia só conciben os períodos na capital coma un exilio forzoso entre visita e visita a Xinzo, Guláns e Ponteareas.
Non pasei catro días seguidos sen colexio en Madrid nos que non fuxira cara aquí. Festivos, pontes, semanas santas, aqueles veráns dende o vinte de xuño ao quince de setembro ou máis, porque lembro anos nos que apuraba tanto, que empezaba o curso escolar aínda aquí, e volvía a Madrid xa coas clases comezadas facía días. Non quería marchar. E o día que tiña que marchar sentía unha perda terrible, un abandono dolorosísimo, unha condena”, proclamaba Roi Groba.

A continuación, detallou as bondades do Corpus Christi ponteareán e as súas alfombras de flores. A súa historia, a súa tradición, a súa singularidade, o seu desenvolvemento nas últimas décadas, a súa importancia social, cultural, artística e relixiosa, e o que significa para todos os ponteareáns, como elemento de orgullo e unión. “A beleza e singularidade do noso Corpus obra o milagre de poñer en común a propios e estraños, une nun mesmo afán os veciños, e brota –precisamente- grazas a ese esforzo colectivo, tan difícil de acadar en calquera outra encomenda”.

Fixo tamén unha mención especial aos alfombreiros, figuras imprescindibles e verdadeiros artífices desta festa. Polo seu esforzo, pola súa labor desinteresada, e pola implicación secular co Corpus, especialmente no caso das mulleres ponteareás. “Os homes colaboran na preparación e confección dos tapices. Pero son as mulleres as que recolleron, escolleron e esfollaron os pétalos toda a vida. Elas puliron a materia prima coa que engaiolar aos visitantes. Estandarte dunha sociedade tradicionalmente matriarcal coma é a galega, a muller sempre foi sostén da familia, en Q55A8734xeral, e neste caso concreto do Corpus, unha peza básica, polo seu silencioso impulso e inxente traballo nos portais”. Despois, fixo a suxestión ante os concelleiros da Corporación Municipal de nomear en próximos anos a máis mulleres como pregoeiras do Corpus.

Rematou encomiando as virtudes de Ponteareas e as súas xentes. Polos méritos individuais dos seus veciños máis ilustres, pero tamén coma unha soa entidade, como pobo, como forza colectiva capaz de “ser un” e de levar a cabo unha colosal obra de arte coral como son as alfombras florais, de beleza e mérito únicos no mundo,  “o pobo ponteareán, xunto, coma unha soa entidade, demostra no Corpus todo o seu potencial colectivo. Os ponteareáns somos xente traballadora, talentosa, sensible, forte, os que máis. Pero tamén humildes, discretos, próximos, hospitalarios, simpáticos. Estas terras están poboadas por artistas rurais, peixeiras aguerridas e heroes cotiáns. E estes dez días son o tempo para darnos un homenaxe”.