O xornalista Roi Groba dará o pregón das Festas do Corpus mañá ás 21.00 horas no Auditorio Reveriano Soutullo

O presentador de deportes da TVE nos informativos matinais subirá o escenario para honrar as festas de Ponteareas, vila de onde procede toda a súa familia.

Roi 5Ponteareán “polo sangue e polo sentimental”. “Toda a miña familia provén da Vila do Corpus”, afirma o xornalista. O seu pai Manuel é natural de Guláns. O seu avó paterno era Alfredo “da Almuíña”, gaiteiro moi lembrado na parroquia. E a súa nai Mari Carmen, é de Xinzo, filla de Manolo “do Rochiña”, garda forestal da zona. O seu pai marchou traballar a Madrid xusto antes de el nacer, “polo que son fillo da inmigración”, di o presentador, mentres explica o seu vencello coa vila do Corpus.

Trala súa intervención para honrar o inicio das festas, a Orquestra de Cámara Galega dará un concerto, dirixida polo director ponteareán Rogelio Groba Otero.

Xogos Florais

Ao día seguinte, o domingo 22 haberá un concerto do pianista redondelán Alejo Amoedo e a mezzosoprano ponteareá Iria Cuevas e un recital poético coa participación de Isabel Blanco, Kiko Neves, Antonio García Teijeiro e Manrique Fernández para festexar os Xogos Florais no auditorio ás 20.00 horas.  No mesmo, a concelleira de Cultura dará a coñecer os seleccionados do I Certame de Poesía de Ponteareas nas súas dúas categorias: xuvenil de 12 a 18 anos e adultos. O Concello fará entrega dun total de catro premios en cada categoría que consistirán na entrega dunha flor natural e unha medalla conmemorativa dos Xogos Florais.

Exposicións e obradoiros

O sábado 21 a partir 17.00 horas levarase a cabo un obradoiro de modelado de arxila, banda deseñada e ilustración na Escola de Arte, na Praza Maior. O domingo 22 se inaugura a exposición de óleos “Realistic Impressionism” sobre os Penedos da Picaraña de Patri Skinner no auditorio Reveriano Soutullo e que o público poderá visitar ata o 30.