O vindeiro xoves día 11 comeza a III Feira do Libro de Ponteareas

O goberno de Ponteareas presenta a terceira edición da Feira do Libro que terá lugar dende o xoves día 11 na Praza Maior, organizada entre o Concello de Ponteareas e a  Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra. A feira abrirá as súas casetas ás 18:00 horas e ficará aberta ata o vindeiro domingo, día 14, e contará coa presenza de algúns dos autores máis destacados do panorama literario galego contemporáneo. Este ano contaremos cun total de dez casetas participantes.

O responsable do pregón inicial será o poeta e dramaturgo Roi Vidal Ponte, que se encargará da apertura oficial da feira a partir das 20:00 horas do día 11. A continuación, a escritora Isabel Blanco ofrecerá un recital poético que rematará cunha sesión de “micro aberto” na que están convidados a participar todos aqueles interesados en dar a coñecer os seus propios textos (prosa ou poesía) ou a compartir os seus achádegos literarios.

Algúns dos autores que participarán na feira para presentar os seus últimos traballos serán Antonio García Teijeiro, Iolanda Zúñiga, Arantza Portabales, Raquel Castro, Anna R. Figueiredo, Elena Gallego Abad, Clara do Roxo, Luís Vallecillo ou Xoán Curiel. Tamén están convidados a asinar os seus libros en distintas casetas autores como Diego Giráldez, Manuel Esteban, Alberte Momán, Beto Luaces, ou María Soliño. Presentarase tamén un libro editado polo Refuxio de Animais “Os Biosbardos” e outro realizado pola asociación de loita contra o autismo e os trastornos TEA “Familias Azuis”. O domingo, ás 21:00 horas, o propio Concello presentará a edición de dous libros: un que recolle os poemas gañadores dos Xogos Florais de 2018 e 2019, así como un libro colectivo xurdido a partir do Obradoiro de Escrita Creativa impartido por Roi Vidal Ponte os dous últimos anos.

Ao longo destas catro xornadas, haberá tamén actividades de animación á lectura para nenos e nenas a cargo do persoal da Biblioteca Municipal, visitas guiadas a cargo de O Gardán dos Libros, unha charla-coloquio sobre linguas minorizadas e diversidade cultural impartida por alumnos dos institutos ponteareáns participantes no programa Erasmus, así como un obradoiro de ilustración e banda deseñada impartido polo profesorado da Escola de Arte de Ponteareas.

A feira será clausurada logo do peche de actividade, cunha actuación do coro de gospel da Asociación Xuvenil Ascan.

Para a concelleiro de cultura, Fernando Groba, a Feira do Libro é unha oportunidade para dar a coñecer autores locais e tamén apoidar a promoción das obras dos autores do resto de Galicia. “Unha programación interactiva na que se busca a implicación dos asistentes, sinaturas de libros que nos permitirá coñecer aos autores, obradoiros e actuacións que ofrecen un programa para desfrutar toda a familia”.

Nani Regueira da Federación de Libreiros destaca que a cita do ano pasado en Ponteareas foi todo un éxito e agarda que este ano se superen as cifras de participación da pasada edición que superou todas as expectativas tendo unha moi boa acollida.

Xosé Represas convida a toda a veciñanza da área metropolitana a desfrutar de cada unha das actividades e a descubrir a diversión e o entretemento da man dos libros, da lectura, da creación literaria, da música como relatora de historias e dun sinfín de experiencias vinculadas ás verbas.