O Venres D_letras trasládase á biblioteca pública municipal

Este venres contará coa presenza de Moncho Iglesias para falar do seu poemario “Tren”

O ciclo “Venres D_letras”, organizado pola Concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, deixa a súa ubicación habitual no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas para trasladarse á Biblioteca Municipal, onde se farán a partir de agora todas as presentacións. Neste mes de febreiro, ademais, adianta a súa celebración a este primeiro venres de mes, data na que contaremos coa presenza do escritor e tradutor Moncho Iglesias, que presenta o seu último poemario “Tren”, actividade que se desenvolverá o día 7 a partir das 20:30 horas.

Tren” é un libro que parte da idea dunha viaxe en tren para reflectir as vivencias persoais do autor a través da palabra e dun “eu” lírico que, no fondo, abrangue a outros moitos “eus”. Malia que non existen referencias físicas específicas, ben poderiamos situar esta viaxe na zona do sureste asiático, na que o autor ten traballado como profesor de español.

Mesturando distintas visións do mundo e culturas ben diferentes e afastadas, Moncho Iglesias procura unha perfecta simbiose entre espazos dispares mantendo as referencias existenciais na terra e nun enraizamento necesario para a supervivencia.

Dáse a circunstancia de que Moncho Iglesias, filólogo, escritor e tradutor, foi un dos gañadores da última edición dos Xogos Florais, celebrados en Ponteareas a pasada primavera. É autor de varios libros de poesía e dúas novelas, e tradutor ao galego do hebreo, árabe e inglés, dando a coñecer na nosa terra a autores como o israelí Etgar Keret, o palestino Mahmud Darwix, ou a norteamericana Randa Jarrar. Colabora tamén en distintos medios de comunicación, como Praza Pública ou Tempos Novos.

O vindeiro mes de marzo, o ciclo terá continuidade coa presencia do último gañador do Premio Xerais, Amador Castro Moure, que nos falará da súa novela “Shangai a Barcelona”.