O Torneo de Balonmán de base terá lugar na Praza Maior de Ponteareas os próximos 4 e 5 de xuño

A Concellería de Deportes colabora coa iniciativa para promover entre os máis novos e novas este xogo de equipo, organizada pola cafetaría do Centro Social.

balonmántorneo
A Praza Maior de Ponteareas será un campo de balonmán durante as xornadas do sábado 4 e domingo 5 de xuño. Os nenos e nenas xogarán nas categorías de prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. Cada categoría terá catro equipos con oito participantes en cada un: un porteiro, tres xogadores de campo e catro reservas. No caso de completarse o número de equipos, os inscritos a posteriori ficarán na reserva por se houber algún imprevisto.

Os partidos terán unha duración de dez minutos e tres minutos para cambiar os equipos.  O torneo é aberto e de balde a todos os nenos e nenas de idades comprendidas entre 6 a 16 anos, e non é requirimento ter participado nas Escolas de Balonmán.

Durante a primeira xornada haberá tres partidos por categoría para clasificarse para as finais do domingo. O evento comezará a partir das 16.30 e rematará sobre as 21.30 horas. O domingo decidiranse as primeiras posicións entre as 11.00 horas e rematar sobre as 13.00 horas.

A inscrición das equipas realizarase ben na cafetaría do Centro Social na rúa Oriente, 12, ou ben no número de teléfono 652410384.

O concelleiro  de Deportes Benito Márquez aplaudiu a iniciativa. “Sempre é bo promover xogos colectivos como o balonmán entre os máis novos, cunha importante tradición na zona”, indicou.