O soño do rato, algo máis que un contacontos en Areas

cartel-o-soño-do-ratoO vindeiro martes 19 de maio, ás 18:00 horas, a Axencia Municipal de Lectura de Areas acollerá un contacontos denominado “O soño do rato”. A actividade, que terá unha duración estimada de 60 minutos, está dirixida a nenos de entre 3 e 12 anos e a súa entrada é gratuita.

Trátase dun espectáculo que conta a historia dun rato chamado chamado César que vive moi preto da estación de tren e que soña con facer unha viaxe que transporta libros con historias de moitos lugares ata as bibliotecas. O ratiño César terá que superar os seus medos para acadar o seu soño, pero como recompensa atopará moitos amigos nun camiño cheo de aventuras.

“O soño do rato” é un contacontos que combina a narración oral co espectáculo de monicreques. Un evento que se atopa dentro do conxunto de actividades que a Concellería de Cultura pon en marcha para celebrar o Día das Letras Galegas e que tamén está promovido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a través do programa “Ler conta moito”.