O refraneiro popular galego revoluciona as redes sociais do Concello de Ponteareas

O vídeo sobre o refraneiro popular que creou e subiu a Concellaría de Cultura o venres pasado alcanzou xa 11.000 persoas, leva case 5.000 reproducións e foi compartido por 111 persoas.

 

A iniciativa que xurdiu, no mes de novembro, da Concellaría de Cultura para fomentar o coñecemento e compartir entre o departamento e a cidadanía estas doses de sabedoría ancestral popular, comeza a coller forza nas redes sociais. No mes de novembro, apenas foi unha imaxe con algúns refráns; en decembro, xa se converteu nun vídeo con algúns máis sobre o mes de Nadal; e, en xaneiro, achegou unhas fotografías das mañás de xeada que ilustraron de maneira gráfica os ditos.

 

“Comezou como unha actividade pequena para ir mantendo a programación cultural nestes tempos complicados para a actividade presencial e comeza a se converter nunha das nosas iniciativas máis secundadas dos últimos meses” comenta o concelleiro de Cultura Fernando Groba Bouza.

 

“O segredo do éxito deste pequeno vídeo, cremos que foi a combinación, por unha banda, da xenialidade das mostras de lingua cheas de sabedoría atemporal e, por outra, da fermosura das paisaxes brancas das que falan moitas delas e que xa botabamos de menos nos nosos invernos por mor do cambio climático e do quecemento global” revela o nacionalista.

 

 

Fernando Groba convida a enriquecer aínda máis esta iniciativa comentando e aportando na seguinte ligazón da páxina de facebook Cultura e Turismo Ponteareas

https://www.facebook.com/visitponteareas/videos/849088042320351