O PP bloquea a aprobación das modificacións do PXOM esixida pola Xunta de Galicia

Até a sesión ordinaria do Pleno da Corporación municipal de onte 20 de setembro o PP votara a favor no relativo á nova planificación urbanística

O Goberno municipal considera unha grande irresponsabilidade o cambio de postura “electoralista”

O pleno de onte levaba como un dos primeiros temas a tratar a aprobación das modificacións efectuadas polo equipo redactor do PXOM a instancia da Secretaria Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, con respecto ás addendas de xuño e de agosto de 2016 ao PXOM provisional aprobado en sesión plenaria do 2 de febreiro de 2016, e ao texto refundido que as incorpora. Para este punto requirise unha maioría absoluta no pleno, igual que na votación da aprobación inicial.

 O documento final presentado no pleno extraordinario do 2 de febreiro, para a aprobación provisional do mesmo  contou con 16 votos a favor (BNG, PSdeG- PSOE e PP), 3 abstencións (ACiP e A Riada do Tea), e 1 voto en contra (EU-Son). Onte, o PP de Ponteareas decidiu mudar o seu voto cara a abstención. Xustificaron  o cambio postura na falta de resposta á totalidade das alegacións ao PXOM, a pesar do Goberno aclarar que en poucas semanas os traballos estarían rematados.

“De 2795 alegacións, ao redor de 2200 xa están contestadas desde que comezamos o procedemento administrativo de resposta ás alegacións”, responde a concelleira de Urbanismo, Chus Garrote. “Ademais, isto retrasa os prazos. Se aprobaramos no día onte as modificacións, a Xunta pasaría a analizar no prazo de tres meses  o contido técnico do PXOM, isto é, o estritamente urbanístico, o realmente importante, para despois dar a súa aprobación final.”, indica a edil. “Non compartimos esta febre electoralista do PP por frear e adiar o PXOM, xa que vai ter consecuencias como o retraso na disposición dos terreos da nova Escola Infantil ou o retraso nas obras do Paseo Matutino”, explica a edil.

“Este Goberno desde os seus comezos tomou como medida fundamental levar a diante o PXOM e así dotar de seguridade xurídica a moitas vivendas e legalizar a situación do solo de moitas empresas, e de súpeto, no que parece un trámite técnico, a requirimento da Xunta de Galicia, o PP pon problemas, dificulta e bloquea. Iso ten un só cualificativo: irresponsables. Están a pór en risco os máis de 800.000 euros investidos na realización do PXOM, están a xogar cos cartos de todas e todos os veciños de Ponteareas”, indica o alcalde Xosé Represas.