O poeta Ismael Ramos presenta «Lumes» no ciclo «Venres D_letras»

O ciclo «Venres D_letras» chega este mes con olor a poesía da man de Ismael Ramos, un dos novos valores da lírica galega contemporánea. O “Venres D_letras”, organizado pola Concellalía de Cultura e Turismo, trae cada segundo venres de mes ao Salón de Plenos do Concello, a partir das 20:30, a escritores novos e consagrados para ofrecer unha panorámica xeral da situación da literatura galega actual. Nesta ocasión, amais de Ismael Ramos, contaremos coa presencia da tamén poeta Miriam Ferradáns, que se encargará de presentar o libro.

«Lumes» é un poemario de corte intimista e familiar, no que Ismael Ramos se aproxima ás técnicas habituais da narrativa para compór un relato que ten que ver coa memoria e coa vontade da escrita como xeito de resistencia.

Aos seus 24 anos, Ismael Ramos xa se converteu non nome imprescindible da poesía galega contemporánea con só dous libros individuais editados: «Os fillos da fame» (Premio Johán Carballeira 2016), e «Lumes». É, ademais, colaborador en revistas como Luzes, Dorna ou Grial.

O ciclo Venres D_letras terá continuidade o vindeiro mes de xuño coa presentación de «Nº atómico 74», novela xuvenil de Raquel Castro. De maneira excepcional, esa actividade terá lugar o 3º venres, día 16.