O Pleno tamén acordou as propostas referidas ao levantamento do conxunto do adro de Guillade e a proposta de apoio aos colectivos sociais co fin de dotar de espazos públicos para establecer as súas sedes
Entre os asuntos tratados máis relevantes tratados no pleno, as propostas de actuacións a incorporar nos Orzamentos da Xunta de Galicia de 2017 para Ponteareas por parte do Concello, que neste momento están en tramitación no Parlamento Galego. Esta proposta foi aprobada. Nos orzamentos autonómicos non figura ningún compromiso de investimento en Ponteareas: nin para obras de saneamento, nin para o proxecto de conexión coa autovía. Acordouse instar á Xunta a colaborara para a realización do plan parcial da Zona Industrial da Lomba, contemplar actuacións de mellora da Ponte dos Remedios, inserir unha partida económica precisa para a reforma do CEIP Fermín Bouza Brey e continuar coa mellora nos demais centros de ensino público da vila, incorporar unha partida económica de 350.000 euros para a realización do abastecemento de augas ás diversas parroquias que carecen deste servizo básico, incluír a partida económica para a redacción do proxecto de trazado e construción da circunvalación ou variante de Ponteareas de conexión coa A-52, tal como recolle o acordo de colaboración asinado o 16 de maio de 2015, melloras na seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica que cruzan o termo municipal ponteareán, incluír a partida económica para a redacción do proxecto de saneamento e depuración, contemplando os sistemas de depuración natural nos lugares onda sexa viable, así como a mellora da Estación de Depuración de Augas Residuais (EDAR), e comprometer un investimento de 505.630,48 euros para as obras de saneamento de Ribadetea, segundo o proxecto aprobado no pleno do 22 de maio de 2015.
O Pleno tamén tratou a proposta do Goberno sobre o levantamento do conxunto funerario do adro da igrexa de Guillade. Cos votos do Goberno e o edil EU-Son aprobouse a proposta na que se contempla o desacordo co levantamento do conxunto funerario sito no adro da Igrexa de Guillade e insta ao Goberno local a realizar todas as xestións necesarias encamiñadas a lograr a súa recuperación; así mesmo, acordouse dirixirse ao Bispado de Tui-Vigo a fin de que voluntariamente proceda a repoñer ao seu estado orixinal ao conxunto funerario do adro da Igrexa de Guillade, previa solicitude e outorgamento dos permisos e autorizacións necesarias; e acordouse solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a revisión de oficio e declaración de nulidade do acordo de 8 de maio de 2012 polo que se autorizou o levantamento do conxunto funerario sen proxecto e con informes técnicos desfavorables.
Por último, tratouse a proposta de diferentes colectivos sociais, secundada por EU-SON, que unha das súas representantes interveu no Pleno, co fin de instar á Goberno local a facilitarlles un espazo de titularidade pública para establecer a sede dos diferentes colectivos que representan, onde localizar os seus fondos bibliográficos e material, así coma realizar as asembleas e mesmo actividades abertas á veciñanza da comarca; e de estes espazos non existir a día de hoxe, esixirlles as xestións oportunas para ofrecer outros espazos, así como establecer a data do 31 de xaneiro como tope para solucionar o problema. Foi aprobada por unanimidade da Corporación Municipal.