O Pleno de Ponteareas aproba as modificacións do PXOM e ratifica a subvención da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, a primeira tenente de alcalde, María Jesús Garrote e o concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso, valoraron a consecución dos cinco millóns de euros de fondos europeos como a grande oportunidade para modernizar e transformar Ponteareas.

Ponteareas está de noraboa, esta semana foille concedida unha axuda de 5 millóns de euros para levar a cabo ata 2020 a estratexia “Ponteareas habitat saudable”, unha das doce seleccionadas no noso pais nesta primeira convocatoria. A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) nomeada  “Ponteareas, hábitat saudable”, permitirá levar a cabo cambios estruturais que marcarán o futuro da  localidade.

O alcalde, Xosé Represas, destacou o recoñecemento que supón para Ponteareas estar entre as 83 propostas seleccionadas en todo o Estado, un gran logro que debe ser valorado pola alta concorrencia entre as 269 propostas que se presentaron, pois cidades como Ourense, A Coruña ou Ferrol quedaron fóra da selección nesta convocatoria. “Estamos diante dunha transformación histórica de Ponteareas coa aplicación deste plan de desenvolvemento urbano”, manifestou.

IMG_6123

Represas indicou que foi un reto o traballo realizado polo equipo técnico contratado para presentar a mellor proposta posible, un equipo xove, no que participaron moitos ponteareáns, encabezado polo arquitecto Luciano G. Alfaya. “Agora temos por diante desenvolver os obxectivos da estratexia: recuperar o medio urbano para os cidadáns,  fomentar a eficiencia enerxética, facilitar o acceso ao mercado laboral e un maior compromiso coas políticas sociais para unha maior integración social e de igualdade de oportunidades”, observou.

“O Goberno local considera prioritario realizar actuacións que melloren os espazos públicos como prazas e parques, así como os equipamentos deportivos”, sinalou o rexedor.

Por outro lado, a tenente de alcalde, Maria Jesús Garrote, manifestou a súa satisfacción por lograr estes programa e investimentos para Ponteareas.  “Investiremos 6.250.000 euros nos vindeiros anos grazas a este programa do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, un gran avance para que Ponteareas sexa a vila que queremos”, explicou.

O Concello, trala ratificación en pleno da subvención concedida, porá en marcha a Comision de Seguemento da EDUSI, unha vez que o Ministerio de Hacienda confirme definitivamente a selección e transcorrido o prazo de confirmación e posibles alegacións. No 2017, anunciaranse as primeiras actuacións. “Comeza unha etapa esperanzadora e con máis carga de traballo, xa que nos vindeiros meses comezarán os procedementos de xestión e selección de proxectos”, indicou a concelleira de urbanismo

Manuel Troncoso, que realizou unha valoración moi positiva desta concesión agradeceu “as aportacións dos ponteareáns que participaron nas diferentes mesas sectoriais de participación social”, aportando as súas propostas e ideas, así como a enquisa realizada a través da páxina web do Concello , traballo de participación realizado antes da proposta do documento de estratexia que agora foi seleccionado

O pleno extraordinario tamén obtivo o voto favorable do BNG, PSOE e PP na proposta de aprobación das modificacións efectuadas polo equipo redactor do PXOM a instancia da Secretaria Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, con respecto ás addendas de xuño e de agosto de 2016 ao PXOM provisional aprobado en sesión plenaria do 2 de febreiro de 2016, e ao texto refundido que as incorpora. Deste xeito, a Xunta ten agora tres meses para analizar a nova planificación urbanística de Ponteareas.