O Pleno de Ponteareas apoiou a visión do Goberno local nas diferentes mocións que o PP presentou na sesión

O grupo municipal popular non foi capaz de impor a súa postura en ningunha das propostas discutidas sobre o cambio de criterio no decálogo de actuacións nas vías da Deputación de Pontevedra, sobre o financiamento da Ruta do Viño Rías Baixas ou sobre o Castelo de Sobroso

 

O martes 13 de setembro realizouse unha sesión plenaria extraordinaria da Corporación Municipal de Ponteareas por petición do grupo municipal do Partido Popular, na que presentaron mocións sobre diferentes temáticas.

A primeira en discutirse foi a solicitude á Deputación Provincial de Pontevedra para cambiar varios criterios do decálogo de actuacións nas vías provincias. A moción foi rexeitada cos votos dos grupos do Goberno local e o edil de EU-Son.”Desde este Goberno defendemos unha estratexia de mobilidade sostible, pasando a pór en primeiro lugar os peóns, bicicletas e colectivos máis vulnerables como nenos ”, explicou o alcalde Xosé Represas.

En segundo lugar, discutirían a moción sobre a modificación da ordenanza fiscal do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e a modificación da ordenanza reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). BNG, PSdeG, PP e ACiP, votaron a favor e abstíveronse os edís de A Riada do Tea e EU-Son. “Aprobamos esta moción porque entendemos que iniciamos o expediente para a súa modificación. Desde o Goberno local estamos estudando esta rebaixa desde fai semanas e xa anunciamos que o faríamos porque é un dos compromisos do acordo entre BNG, PSdeG e ARDT. Esperamos concretala a partir de xaneiro de 2017 coa mellora da situación económica.”, explica o alcalde. “Non deixa de ser curioso que agora o PP pretenda a súa rebaixa cando foron eles no 2013 quen subiron estes impostos”, engade.

A continuación, trataron a moción sobre o compromiso que debe asumir a Deputación de Pontevedra, a criterio do PP, na colaboración coa Xnta de Galicia e o Concello para reparar os danos producidos polo temporal do pasado mes de febreiro. O Pleno rexeitou a proposta cos votos do BNG, PSdeG e ARDT, no Goberno local, máis o voto do edil de EU-Son. Propuxeron unha emenda de substitución que aprobaron por unanimidade no que se insta as administracións competentes: Estado, Xunta e Deputación, a apoiar economicamente aos Concellos para paliar os danos provocados polos temporais no noso país.  Chegouse á conclusión que o única administración que non colaborou foi o Ministerio de Fomento.

A seguinte moción foi sobre o Castelo de Sobroso. O PP instaba á Deputación a tomar medidas precisas sobre o edificio e o seu entorno. O Goberno local respondeulle aprobando unha emenda de substitución na que insta ao ente provincial a cumprir os convenios asinados co Concello sobre o Castelo de Sobroso, tanto en 2014 como 2016, incluíndo o Plan Director, do que xa están iniciados os traballos.

O Pleno discutiu, deseguido, a moción sobre o financiamento que debe asumir a Deputación coa Ruta do Viño Rías Baixas, a criterio do PP. O Goberno local, cos seus votos, e EU-Son votou en contra. Propuxeron unha emenda de substitución que aprobaron na que o Pleno insta á Deputación a planear de novo o modelo de convenio coa Ruta do Viño Rías Baixas, tendo en conta as opinións de adegas, casas de turismo rural, hoteis e restaurantes.