O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou este xoves a “Ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social”

concelloO Pleno do Concello de Ponteareas, cos votos a favor de PP, ACIP E PSOE, aprobou este xoves, en sesión extraordinaria, a “Ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social”, a través da cal se regularán as axudas que ata o de agora se estaban concedendo.
A concelleira de Facenda do Concello de Ponteareas, Mª. Belén Villar González, manifestou que, tendo en conta a situación de crise que vivimos e que afecta ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade, é necesario seguir atendendo e ampliando as axudas destinadas a emerxencia social, buscando paliar a situación na que se atopan moitos veciños que carecen dos medios económicos necesarios. Así pois, o Concello de Ponteareas, tamén en datas pasadas, incrementou a partida orzamentaria destinada a emerxencia social de 9.000 euros a 45.000 euros.
Para tal fin, a Corporación Municipal aprobou na sesión plenaria deste xoves unha ordenanza que regulará as prestacións sociais de carácter económico para situacións de especial necesidade individual, familiar e/ou da unidade de convivencia, outorgadas polos Servizos Sociais do Concello de Ponteareas.
Con esta recén aprobada Ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social regúlanse as axudas destinadas a resolver as situacións de emerxencia que lles afecten ás persoas, ás familias ou unidades de convivencia ás que lles sobreveñan situacións de necesidade ao verse privadas dos medios de vida primarios e imprescindibles, carecendo dos recursos económicos para satisfacer as súas necesidades básicas (en relación coa alimentación e aloxamento) ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social. A súa finalidade será dispensar unha atención básica e urxente no momento en que estas situacións de necesidade se produzan. Para poder ser beneficiarios destas axudas, ademais doutros requisitos, os solicitantes non poderán superar uns ingresos económicos establecidos na devandita ordenanza e que veñen ser, entre outros, os seguintes: un só membro, cando non supere uns ingresos máximos de 399,38 euros ou unha unidade familiar, ou de convivencia, de 4 membros, non poderá sobrepasar uns ingresos de 591,08 euros, establecéndose unha contía máxima de ingresos de 639,01 ou de 718,88 euros, se hai menores.
Excepcionalmente, os Servizos Sociais do Concello de Ponteareas poderán valorar as solicitudes que excedan o baremo económico establecido nunha porcentaxe nunca superior ao 10%, como consecuencia dos gastos acreditados de vivenda habitual e/ou situación familiar de extrema urxencia.
As axudas recollidas nesta ordenanza poderán ser outorgadas ata o límite económico de 900 euros ao ano por cada persoa física, unidade familiar ou unidade de convivencia.
Diríxense estas axudas económicas a atender as seguintes necesidades: axudas para a atención dos gastos derivados da vivenda habitual que garantan a continuidade na mesma e nos que se incluirían os gastos de aluguer da vivenda habitual que impida o desafiuzamento por impago; os créditos hipotecarios; as débedas de recibos por subministracións de luz, gas, auga etc, ou equipamento básico da vivenda habitual e reparacións menores de urxente necesidade e limpeza, en casos extremos. Outras axudas irán destinadas a contribuír a sufragar gastos de atención sanitaria e outros tratamentos, como aqueles derivados de enfermidades graves en familias en risco de exclusión social ou próteses e artigos de ortopedia. Recóllense tamén nesta ordenanza as axudas escolares, destinadas a sufragar os gastos do comedor escolar, en determinados supostos. Así mesmo, contémplánse outro tipo de axudas destinadas a gastos, denominados “polivalentes”, como en casos de decesos, cando a persoa solicitante non poida asumir o seu custo por atoparse nunha situación de precariedade económica.
Os Servizos Sociais do Concello de Ponteareas serán os encargados de informar, valorar e orientar das prestacións sociais de carácter económico xestionadas pola Concellería de Servizos Socias do Concello de Ponteareas, así como dos requisitos necesarios para acceder ás mesmas e o seu procedemento. O prazo para poder solicitar as axudas reguladas nesta “Ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social” permanecerá aberto con carácter permanente, unha vez que estea aprobada definitivamente e se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.