O pleno aproba o proxecto de pavimentación do último tramo da estrada a Cillarga

O goberno de Ponteareas levou a pleno o proxecto de pavimentación do último tramo da estrada de Cillarga logrando o apoio unánime da Corporación, o goberno mellorará 840 metros dunha estrada que levaba anos en estado de abandono e que permite acurtar a comunicación cos veciños do barrio de Cillarga. 

Esta obra ven a completar as dúas fases anteriores e conta cun orzamento de  64.106€ que o goberno prevé financiar con cargo ao plan Concellos e con fondos propios. 

“Unha vez rematada esta obra, ademais do acceso por Ribadetea tamén acceden directamente dende Areas. Esta é unha obra moi demandada pola veciñanza que, tras anos de falta de mantemento por parte dos gobernos do PP, vía como ano tras ano ían quedando sen esta vía de acceso”, explica a Tenente de Alcalde, Chus Garrote. 

Por outro lado, o pleno da Corporación aprobou por unanimidade o anexo aos regulamentos internos tanto da escola infantil como da residencia de maiores que regula o uso do comedor por parte do persoal municipal destes servizos.

“É a primeira vez que se regula este servizo que durante anos careceu dunha normativa. A partir da súa publicacion no BOP o persoal municipal da escola infantil e da residencia poderá facer uso deste servizo cando se cumpran os criterios establecios no propio anexo” explica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera.

O pleno tamén aprobou, cos votos de todos os grupos salvo cos do PP, a proposta do goberno de sumarse á plataforma Stop Vespa Velutina de Galicia.  A Concellería de Medio Ambiente que dirixe o Alcalde, Xosé Represas, e a Concellería de Medio Rural, que dirixe Manolo Troncoso en colaboración con máis de  seiscentos veciños e veciñas e apicultores organizaron unha campaña de trampeo de vespa para capturar as raíñas os primeiros meses do ano.

Con esta iniciativa de entrega de trampas e líquido atraínte por parte do concello e coas charlas informativas realizadas en todas as parroquias e centro urbano, logrouse reducir o impacto da Vespa Velutina neste verán nun 75% con respecto ao verán do 2017, segundo expresaron moitos apicultores.