O pavillón municipal Álvaro Pino acolle o arranque da Liga Metropolitana de Bádminton Escolar 2021/22

O pavillón municipal Álvaro Pino acolle o arranque da Liga Metropolitana de Bádminton Escolar 2021/22Participarán arredor de 80 deportistas de clubs e escolas de toda a provincia

 

O bádminton regresa esta fin de semana a Ponteareas. O pavillón municipal Álvaro Pino acollerá este sábado 6 de novembro o comezo da Liga Metropolitana de Bádminton Escolar 2021/22, na que participan arredor de 80 deportistas de diferentes clubs e escolas de toda a provincia de Pontevedra. O encontro, organizado polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello, desenvolverase en horario de tarde, dende as 16.00 ata as 21.00 horas, e nel disputaranse as categorías alevín, cadete e absoluto.

 

Tras os últimos encontros celebrados a porta pechada, o club ponteareán retoma as actividades deportivas abertas ao público, aínda que con control de acceso e aforo e con todas as medidas de prevención e seguridade.

 

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, convida á veciñanza a gozar deste novo torneo de bádminton, “un deporte que presume de boa saúde na nosa vila”. “Non podemos máis que agradecer ao club o seu esforzo por organizar encontros que reflicten sempre o gran nivel do bádminton non só a nivel local, senón tamén galego. Agardamos que as nenas e nenos participantes e as súas familias poidan vivir unha xornada deportiva vistosa ao tempo que desfrutan de Ponteareas”, salienta o edil.